Tellado asegura que as eleccións "non son unha prioridade" para o PPdeG

Defende que o Parlamento de Galicia mantén unha actividade "razoable" e erixe ao Goberno galego no "máis transparente"
Rueda de prensa del secretario xeral del PPdeG, Miguel Tellado. PEPE FERRÍN
photo_camera Miguel Tellado. PEPE FERRÍN

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que as eleccións autonómicas "non son unha prioridade" para o Partido Popular desde que empezou a crise polo coronavirus fronte a unha oposición que "parece estar obsesionada" con esta cuestión.

"Non é o momento de falar das eleccións, é o momento da saúde, da economía, da seguridade", manifestou nunha rolda de prensa telemática ao ser preguntado sobre se o PP baralla para Galicia celebrar os comicios en xullo, como propón o PNV para o País Vasco.

O número dous dos populares galegos sostivo que "só fala" da data electoral a oposición. "Non se se pola mala conciencia, porque Gonzalo Caballero foi o último en seguir pedindo que se celebrasen e agora é o primeiro en sacar o tema para que convoquen", argumentou.

Fronte a iso, subliñou que ao Partido Popular preocúpanlle "máis" cuestións como saber "cando van cobrar os Erte" os afectados, ou cando "o comercio vai empezar a abrir de forma efectiva e con plenas garantías".

"Cremos que é razoable tendo en conta que o Parlamento está disolto e que, a pesar de estar disolto, a actividade parlamentaria é maior que noutras Cámaras"

ACTIVIDADE PARLAMENTARIA. Na súa intervención e preguntado respecto diso, Miguel Tellado considerou que a Cámara galega mantén unha "actividade parlamentaria razoable" a pesar da disolución motivada pola convocatoria das eleccións autonómicas do 5 abril que posteriormente foi suspendida polo coronavirus.

Neste sentido, puxo en valor que, coa súa comparecencia desta semana, o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa levará comparecido dúas veces no Parlamento galego nun momento no que a maioría dos líderes autonómicos ou "levan unha soa comparecencia" ou aínda o farán por primeira vez". Ademais, tamén indicou que xa compareceron seis conselleiros, "a metade do goberno".

Así mesmo, destacou que co acordo alcanzado cos grupos da oposición para o funcionamento da Deputación Permanente garántese un "funcionamento extraordinario" do Parlamento de Galicia "nunha etapa extraordinaria".

"Cremos que é razoable tendo en conta que o Parlamento está disolto e que, a pesar de estar disolto, a actividade parlamentaria é maior que noutras Cámaras", expresou.

Todo iso nunha rolda de prensa telemática na que Miguel Tellado subliñou que a Xunta, liderada por Feijóo, é o goberno autonómico "máis transparente" polas súas comparecencias ante os medios, polas súas comparecencias parlamentarias e pola súa rendición de contas cos grupos da oposición.

Comentarios