viernes. 07.08.2020 |
El tiempo
viernes. 07.08.2020
El tiempo

As testemuñas de Audasa din que os atascos en Rande durante as obras eran os "normais en período estival"

O xuízo contra Audasa comezou este martes en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O xuízo contra Audasa comezou este martes en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste defende que o tráfico durante as obras na ponte "era maioritariamente fluído" ►A Fiscalía contabilizou 202 incidentes nese período

O xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra acolleu este martes a primeira sesión do xuízo no que Audasa está acusada de prácticas abusivas por manter o cobro íntegro da tarifa ordinaria da peaxe na AP-9 en Rande a pesar das restricións permanentes de tráfico durante as obras de ampliación da ponte, que afectaron á circulación de forma "relevante e constante" durante polo menos tres anos, entre o 27 de febreiro de 2015 e o mes de xuño de 2018. Durante ese período realizáronse 77 millóns de desprazamentos e recadáronse uns 90 millóns de euros por esa taxa. 

Ao comezo da vista oral o maxistrado Manuel Marquina Álvarez desestimou o recurso de reposición presentado polos representantes do Ministerio Público, os fiscais Alejandro Tuero e Santiago de Miguel, e as asociacións demandantes (En Colectivo, Adicae e oito afectados a título particular) ante a petición da Avogacía do Estado de estar acudida neste xuízo. 

Así, a Avogacía do Estado non se está presentando en actitude de demandante se non "aliñándose coa parte demandada". 

O maxistrado interpretou que o Ministerio de Transportes, como "intervinte voluntario" pode defender "intereses propios" neste procedemento, distintos aos dos cidadáns que están representados pola Fiscalía, polo que confirma que a Avogacía pasa a ser intervinte voluntario. 

O avogado do Estado, pola súa banda, xustifica na sala de vistas acudirse nesta causa porque a demanda da Fiscalía, ao seu xuízo, pide que se modifiquen as circunstancias da explotación da AP-9" e "alterar as bases da explotación afecta o Estado".

NEGAN OS ATASCOS. Este martes, a proposta de Audasa, declarou durante o xuízo como testemuña o director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, Ramiro Martínez, que asegurou que durante os tres anos das obras "o tráfico era maioritariamente fluído". 

Ramiro Martínez baseou o seu testemuño nas imaxes que reciben nesas instalacións nas que traballa e que son recollidas por cinco cámaras que monitorizan a contorna da ponte de Rande. 

Engadiu que nese tempo que duraron as obras no Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste non detectaron retencións destacables senón "as normais dun período estival" ou outras producidas por accidentes.

MÁS DE 200 INCIDENTES. Pola contra, os avogados das partes demandantes referíronse a que a Fiscalía contabilizou 202 incidentes durante os tres anos de obras, un número que o especialista da DXT reduciu a 80 episodios de retencións. 

O director de Xestión de Tráfico do Noroeste sinalou que tan só houbo unha ocasión en todo ese tempo en que tiveron que informar os paneis de sinalización da autoestrada sobre unha afección importante ao tráfico, e foi durante o incendio na conserveira Fandicosta, cando houbo que levantar as barreiras das peaxes para deixar pasar aos vehículos.

ATRASOS DE 10 MINUTOS. Pola súa banda, o xefe da Unidade de Pontevedra na demarcación de estradas do Estado en Galicia, Pablo Domínguez, que tamén declarou como testemuña, explicou que realizou unha serie de medicións no ano 2018 na contorna de Rande pola "repercusión mediática" do que sucedía na autoestrada. 

Nesas medicións fala de retencións e tráfico lento, pero non de atascos xeneralizados. Explica que durante o tempo das obras os atrasos máximos para ese traxecto pasaron de dous minutos e medio a un máximo de 10 minutos, incremento que, segundo puxo sobre a mesa o avogado de En Colectivo, supón un aumento do 400%.

DOUS CARRÍS POR SENTIDO. Tamén se puido escoitar este martes durante a vista oral o testemuño do director técnico da empresa que proxectou as obras de ampliación da ponte de Rande. Asegura que por norma xeral mantivéronse dous carrís en cada sentido excepto en momentos "moi puntuais" e normalmente en horario nocturno para que o tráfico non se vise afectado. 

A conclusión deste técnico é que, durante o tempo das obras, "a capacidade da autoestrada non se viu reducida". 

Outro responsable técnico de Audasa reiterou no seu testemuño este aspecto insistindo en que a política das obras de ampliación foi "diminuír ao máximo" a posible afectación do tráfico e que na ponte "non se podía baixar de dous carrís por sentido" entre as 6.00 e as 22.00 horas. 

Este técnico si recoñeceu que Audasa "nunca informou os usuarios nas pantallas das retencións no tráfico". O xuízo continuará este mércores con novas testemuñas e peritos propostos polas partes. 

As testemuñas de Audasa din que os atascos en Rande durante as...
Comentarios