A tía de Abascal compara Ourense cos "anos de chumbo do País Vasco"

Begoña Conde, candidata da formación ultradereitista na provincia, denuncia que foi increpada ao berro de "fascista"

Begoña Conde. BRAIS LORENZO. EFE
photo_camera Begoña Conde. BRAIS LORENZO. EFE

A candidata de Vox ao Congreso por Ourense, Begoña Conde, tía de Santiago Abascal, denunciou recibir "agresións verbais ao berro de fascistas" por parte duns "exaltados" mentres se atopaba nun local de hostalería do Casco Vello de Ourense. Uns ataques que lle recordaron a situacións "vividas durante os anos de chumbo no País Vasco". 

Non considera estar a esaxerar ao establecer a comparativa porque, segundo dixo este mércores nunha rolda de prensa para facer balance das actividades da campaña, "queda aínda moito por facer en materia de convivencia e de políticas lingüísticas, moi similares ao País Vasco". 

Ata o momento, a candidata e tía do líder da formación Vox, Santiago Abascal, afirmou ter "unha visión idealista e romántica da súa terra". Con todo cre que queda un longo camiño para que en Galicia cada un poida expresar libremente o que queira, sen sentirse ameazado e "menos increpado por un colectivo que ía sen identificar".

CONVERTER EN DIANA. Así mesmo, apelou "á responsabilidade dos medios de comunicación" á hora de colocar "a mensaxe" mediante "un curta e pega da realidade" que leva a frases como as que o pasado martes lle botaban en cara como a de que "pasa por 'Orense' –utilizando o topónimo en castelán– cando vai a Vigo e a 'La Coruña'". 

"Entenderedes por que non nos prestamos a dar declaracións dado que se nos converte en diana", apostilou Begoña Conde. Engadiu que se vive un momento de gran "tensión" e comparou a situación agresiva vivida a unha "herriko taberna dos anos de chumbo". 

Do mesmo xeito que "os malos tratos comezan cun insulto" é necesario "cortar esta situación de raíz", reafirmouse. Para iso, é básico o papel da educación para "construír unha sociedade en paz ou enfrontada".

"NON SOMOS FASCISTAS". "Simplemente por ir identificados coas siglas de Vox e levar unha bandeira de España tivemos que soportar o berro de fascistas", relatou. "Evidentemente non o somos, as etiquetas ponas os demais", engadiu. 

Na súa negativa a que os cualifiquen de fascistas explicou que son "un partido de extrema necesidade" e, máis con esta situación de extrema "responsabilidade". Desde Vox consideran que aínda están "a axudar a normalizar unha sociedade en estado de coma" porque era "incapaz de mostrar os símbolos nacionais con orgullo e en libre convivencia".

SITUACIÓN ALARMANTE. O obxecto da convocatoria aos medios por parte da formación política era pór de manifesto a "situación tan alarmante" que se vive no parque de bombeiros, precisamente no mesmo día en que se produciu un incendio no complexo termal da Chavasqueira.

Comentarios