domingo. 05.04.2020 |
El tiempo
domingo. 05.04.2020
El tiempo

Un total de 24 ambulancias picadas entre este luns e este martes debido á folga no sector

Unha das ambulancias que sufrieron desperfectos. FEGAM
Unha das ambulancias que sufrieron desperfectos. FEGAM

Empregados do servizo concéntranse en Santiago para pedir a dimisión de Feijóo e Almuiña mentres a CIG ve "avances" na negociación 

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contabiliza un total de 24 ambulancias asistenciais de soporte vital básico coas rodas picadas entre as 00.00 deste luns e as 12.00 do mediodía deste martes –primeiras dúas xornadas do terceiro tramo da folga no sector–, debido ás protestas dos traballadores para reclamar un novo convenio colectivo.

En concreto, segundo informa o 061 a través dun comunicado, os incidentes foron rexistrados en medios de transporte sanitario con base en Vigo (6 unidades danadas), Silleda (3), Pontevedra (2), Ponteareas (2), O Porriño, Verín, Rianxo, Mazaricos, Lalín, Melide, Sada, A Coruña, Ribeira, Muros e Caldas de Reis. Urxencias Sanitarias insiste en que "todos os vehículos se substituíron no menor tempo posible" e seguiron prestando o servizo "con normalidade".

Ademais, a 061 condena "firmemente as sabotaxes e actos vandálicos" durante esta folga que está prevista até as 23.59 deste domingo 10 de marzo e que prevé ser indefinida a partir do próximo día 20. En calidade de servizo esencial para a poboación, os servizos mínimos establecidos son do 100%.

PROTESTA NO HOSPITAL GIL CASARES

Precisamente, este martes tivo lugar unha protesta dos traballadores das ambulancias ás portas do Hospital Gil Casares de Santiago, onde acudiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a visitar unha unidade de investigación contra o cancro.

Á chegada dos mandatarios autonómicos, os manifestantes gritaron cánticos nos que apuntan como "culpables" da situación ao Goberno galego e á patronal e piden a dimisión de Feijóo e de Vázquez Almuiña.

Este luns, día no que comezou o terceiro tramo da folga, tivo lugar unha reunión entre a Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (Fegam) e os representantes sindicais que concluíu sen acordo pero cunha nova proposta por parte da patronal.

A CIG VE "INSUFICIENTE" A OFERTA DA PATRONAL

A través dun comunicado, a CIG celebra que a folga "está a dar resultados" dado o "avance" nunhas negociacións que o responsable do sector de transportes desta central sindical, Xesús Pastoriza, aínda ve "insuficientes". "Non se recupera o poder adquisitivo perdido que se foi acumulando no tres últimos anos de convenio", denuncia.

Concretamente, a nova proposta dos empresarios de cara ao novo acordo pasa por un incremento de salario de ao redor do 18% para os traballadores do sector, co engadido dunha paga lineal de 150 euros para todos os traballadores desde 2020 a 2022 que se percibiría nos meses de novembro deses anos.

Así, Pastoriza cre que esta oferta se limita "ao aspecto económico" e que, "aínda que xa se abriu o debate sobre o contrato en prácticas, aínda non se lle deu solución". E é que esta modalidade provoca, segundo a CIG, un "incremento adicional da precariedade" debido aos "baixos salarios" destes empregados, uns "60% inferiores" aos dos seus compañeiros, segundo a organización.

Así mesmo, o responsable de transportes da CIG sinala que a prevención de riscos é "esencial" para o novo convenio, xa que hai, de acordo ás súas cifras, un 13% de baixas por problemas músculo-esqueléticos, mentres que a media de toda Galicia se sitúa en torno ao 5%.

Ademais, esta organización reclama incluír "a obrigatoriedade de que vaian dous traballadores" na ambulancia cando haxa unha padiola, xa que –asegura– esta cuestión "non está contemplada" no transporte programado.

Un total de 24 ambulancias picadas entre este luns e este martes...
Comentarios