O TSXG rexeita que unha nai que convive coa súa parella sexa familia monoparental

Pedía ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a devolución de matrículas por entender que pagou de máis
Un neno ve a televisión. PIXABAY
photo_camera Un neno ve a televisión. PIXABAY

A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou que unha muller que convive coa súa parella e a súa filla sexa considerada familia monoparental para pagar menos de gardaría, segundo informa o alto tribunal galego. 

A muller alegaba equivocarse ao incluír ao pai como membro da unidade familiar na matrícula da escola infantil da súa filla e esixía á Xunta que lle devolvese o diñeiro que considera que pagou de máis, pois as familias monoparentais teñen descontos. 

En concreto, pedía ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que lle ingresase 1.768 euros, correspondentes aos cursos escolares 2015/2016 e 2016/2017. "Exista vínculo conxugal ou non, se os dous proxenitores conviven e contribúen economicamente ao sustento da súa filla menor, hai que computar o importe dos ingresos procedentes dun e outro, a diferenza do que ocorre no suposto da familia monoparental, debido a que nesta última o outro proxenitor non contribúe economicamente ao sustento do fillo ou filla".

REALIDADE SOCIAL. O alto tribunal subliña que, desta forma, "acomódase mellor á realidade social do tempo presente, no que gran cantidade de proxenitores deciden non contraer matrimonio, a pesar do cal contribúen cos seus ingresos a todos os gastos que xera o mantemento do seu fillo ou filla común". 

Os xuíces destacan que non existe "razón lóxica algunha para privilexiar aos proxenitores que non contraesen matrimonio fronte aos que si o fixeron". 

A sala subliña que da documentación que figura no expediente dedúcese que o pai convive coa nai e filla e contribúe ao sostemento das cargas da menor, "polo que carece de sentido que, a efectos do prezo a pagar pola atención educativa da nena, non se computen os ingresos do pai, senón só os da nai". 

Ademais, o tribunal advirte de que a finalidade da normativa é "atender á situación real da unidade familiar e axudar a quen máis o necesita". 

O TSXG sostén que "coa interpretación" da recorrente "daríase pábulo á fraude de lei porque se podería beneficiar ás unidades familiares de maiores ingresos, permitindo a ocultación dos ingresos dun dos proxenitores, a pesar de que contribúa ao sustento do fillo ou filla". 

O fallo indica que a propia demandante "debeu entendelo así inicialmente, xa que incluíu ao pai como membro da unidade familiar e descartou que o seu caso fose o dunha familia monoparental". 

Comentarios