jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

O turismo en Compostela, un debate aberto

Catedral de Santiago. ÁNGEL CARRO
Catedral de Santiago. ÁNGEL CARRO

A posibilidade dunha taxa para os visitantes provoca medo entre o sector da hostalería, que ten pánico de que "se espante aos viaxeiros" ► Un mes de novembro con malos datos e unha ponte da Consititución na que o rendemento está por debaixo do esperado reabren o debate

“Hai épocas do ano nas que é insufrible camiñar por Compostela”. Esta frase de Ramón Turnes, veciño de San Lázaro, comeza a replicarse en toda a capital galega. O modelo de Santiago como destino turístico púxose por primeira vez este ano en entredito. O Concello, a hostalería e os habitantes conforman unha masa con intereses enfrontados. No medio atópase a cidade, que está a vivir un ano 2017 no que bateu todos os rexistros pensados respecto ao turismo, e uns vistantes que atopan na vila do Apóstolo un lugar barato e tranquilo.

A Caixa de Pandora abriuse despois de que este verán a ocupación hostaleira da cidade se achegara ao 90% (segundo a asociación do sector da capital) e as queixas dos veciños comezasen a facerse visibles. Alugueres inflados, demasiado ruído nas noites, sucidade nas rúas ou simplemente a imposibilidade de camiñar polas rúas. Todos eles foron motivo de preocupación entre os composteláns durante os meses de xullo, agosto e setembro. Uns datos moi esperanzadores a nivel económico, pero que á hora de analizalos máis aló de cifras frías, semella que non son tan agradables.


Un estío excepcional, igual que o ano, xa que por primeira vez Galicia pode superar os 5 millóns de viaxeiros, tendo a Santiago como punto principal de referencia. O nivel de pernoitacións na comunidade tamén aumentou nun 5%, supoñendo 9,7 millóns máis que no ano anterior. O bo tempo e un comezo da desestacionalización foron dous factores clave. Aínda que na comparación con outros puntos turísticos de España, Compostela e Galicia seguen a estar por detrás, tendo no Mediterráneo o principal competidor, coa súa oferta de praia e sol, que parece estar hoxe en día moi afastado en canto a cifras.

Ante esta situación o Concello tomou medidas e abriu un debate na sociedade. Martiño Noriega puxo enriba da mesa a opción da regulación do turismo na capital, tal e como fan outras grandes cidades europeas como Roma, Lisboa, Ámsterdam ou Berlín. A opción dunha taxa foi reclamada polo municipio, mais dende a Xunta non houbo resposta, máis aló dun 'non' simplista.

Tren turístico de Santiago de Compostela. ÁNGEL CARRO

"O turismo deixa importantes réditos na cidade, unha repartición económica indirecta moi importante para determinados sectores, pero hai un risco de morrer de éxito e romper o modelo de convivencia entre o turismo e a cidade", afirma o alcalde, quen ten medo de que a zona vella se acabe convertendo nun “parque temático”, como lle pasa a Venecia.

Á proposta da corporación non lle faltan datos sobre os que apoiarse. O catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, Luís Caramés, realizou un estudo, a petición do Concello, que conclúe que a implantación dunha taxa turística "moderada" achegaría ao redor dun millón de euros ás arcas municipais, ademais sinala que non tería efecto na cifra de visitantes. Cun mes de novembro 'triste' e unha ponte de decembro menos boa do que se agardaba, o debate vólvese a abrir.

Turistas e residentes paseando pola rúa de San Francisco. ÁNGEL CARRO

DEBATE ABERTO. Tras esta decisión do Concello e os últimos meses cun turismo máis baixo do esperado o debate abriuse entre a cidadanía. As opinións dos veciños, moi dispares, representan intereses enfrontados, nos que por unha banda temos a aqueles que queren que se preserve a identidade da cidade e se poñan medidas que permitan a Santiago continuar sendo o tranquila que é. Mais polo outro lado están os que pensan que é necesario seguir potenciando este aspecto, xa que a capital "é do que vive". A corporación, partidaria do control, atopa na hostalería local o seu principal obstáculo, xa que esta ten medo de que se perda parte do turismo no caso de aplicarse a medida.

Entre os veciños que pensan que unha regulación é necesaria en Santiago atópase Jesús Montoiro, que vive en O Eixo. Jesús pensa que “é vital que se aplique unha taxa. A chegada de viaxeiros é moi positiva para Compostela, pero o que levamos vivido dende o verán non é algo normal. Se queremos que a vida dos que somos de aquí non cambie, debemos facer algo”. No mesmo sentido opina Daniel González, veciño de Salgueiriños, que cree que o “turismo debe ser regulado para sacar aínda máis beneficio del e poder potencialo sen que prexudique á nosa cidade”.

Imaxe tomada en verán na rúa de San Roque coa lenda 'Tourist go home'. CEDIDASe algo hai que destacar desta tendencia que se dá a favor do control é que a diferencia doutros puntos da xeografía española aquí non houbo un movemento que atacara directamente aos visitantes. Pintadas e adhesivos coa lenda ‘Tourist go home’ poden ser vistos en diferentes puntos da cidade, pero quedan en anécdotas illadas que non afectaron aos viaxeiros. Ramón Turnes, de San Lázaro, pensa que isto se debe a que o turismo en Santiago “é de calidade, non como en outros puntos de España como Barcelona”.

A hostalería amósase unida e clara respecto ao debate, non está a favor da regulación, ten medo dela e pensa loitar o que faga falta para que se respecten os seus intereses. María, empregada de Casal Cotón (tenda especializada na venda de doces de Santiago e situada a carón da igrexa de San Francisco), está “completamente en contra de calquera tipo de regulación, porque pode espantar aos visitantes”.

José Otero, do Restaurante Ribadavia (situado na Rúa do Franco), pensa que o da taxa “é unha ‘trapallada’ do alcalde” aínda que afirma que non ten “nada en contra del”. Otero asegura que “o turismo é forte en verán pero no resto do ano sufrimos, ademais de que aínda que veñen moitas persoas o problema é que apenas consumen. Son os mesmos todo o tempo paseando de arriba para abaixo. Moito menú do día e moitos pratos para compartir. Non deixan case cartos, como para espantalos…”.

Esta posición en contra do control da chegada de viaxeiros non é única da hostalería, hai veciños de Santiago que tamén apostan por que non exista unha regulación. É o caso de Brais Raposo, que vive na rúa Rosalía de Castro. Brais pensa que o turismo é o que “permite que Compostela teña o comercio local que ten, o que xera unha gran cantidade de traballos”. Ademais móstrase moi contrario aos movementos que rexeitan aos visitantes, posto que a el gústalle “que a xente veña e se sinta ben tratada, igual que cando eu vou por aí me gusta sentirme ben”.

A praza do Obradoiro ateigada de turistas. ÁNGEL CARRO

Alejandro Padilla, un estudante madrileño afincado na rúa da República do Salvador, vai máis aló e aposta por “unha maior potenciación. Hai que ter en conta que Santiago vive do turismo, falta xente preparada. Tendo en conta esta situación non ten sentido poñer taxas que dificulten aínda máis a chegada de visitantes”. Padilla tamén resalta, en comparación con Madrid,  “non existe un trato especializado aos 'guiris', dá a sensación de que non se quere que veñan”.

PONTE DA CONSTITUCIÓN. A ponte da Constitución foi a causante de que o debate volvera a estar nas rúas. Pese a contar, segundo a Asociación de Hostaleira de Compostela, cunha ocupación media da planta hoteleira (pensións e hoteis) do 50%, un 9% máis que no ano anterior no mesmo período, dende o sector apuntan a que esperaban moito máis despois do gran verán que viviron e do novembro baleiro polo que pasaron.

Vistantes e habitantes de Compostela facendo cola na coñecida Administración nº3 de Lotería para mercar o seu décimo de Nadal. ÁNGEL CARRO

Non obstante, María, de Casal Cotón, apunta a que “non nos podemos queixar, o turismo é o que é e hai que aproveitalo sempre, pode ser que agardaramos máis, pero toca traballar co que hai”. José Otero, do Restaurante Ribadavia, é máis crítico, “a xente que vén nesta ponte non consume, enchen as rúas, pasean moito, miran moito, pero non consumen. Certo que o restaurante se enche todo o tempo, pero o que piden sempre é do máis barato”.


O consumo e as pernoitacións son os graves problemas cara os que se apunta, porque con botar unha ollada ás rúas podemos ver que están ateigadas de visitantes que chegan á cidade.  Uns visitantes, que na maioría dos casos, son alleos a calquera debate.

A rúa do Franco é un dos lugares máis transitados da capital. ÁNGEL CARRO

Un debate que está aberto en toda España pero que parece pechado pola Xunta de Galicia a pesar das peticións dos concellos galegos. Ben sexa cara un lado ou cara outro, é necesaria unha remodelación do modelo turístico de Santiago, é o que reclaman veciños e hostalería, o futuro da cidade está en xogo. Facer caso omiso de todos os actores desta función é perigoso, entre “quedar baleiros” e converterse “nun parque temático” deben existir posturas intermedias cara as que camiñen as diferentes partes. Para isto é necesario que se poña en funcionamento unha palabra que está de moda e toda a xeografía española, o diálogo, o problema é que son moitos os que se enchen a boca dicíndoa e poucos poñéndoa en práctica.

O turismo en Compostela, un debate aberto
Comentarios