O turismo en Galicia supera por primeira vez a barreira dos dous millóns de viaxeiros

Crecen un 7,7% as pernoctas e os viaxeiros estranxeiros supoñen o 27% do total após aumentar un 15%
Turistas en la Illa de Ons. ADP
photo_camera Turistas en la Illa de Ons. ADP

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou este xoves o balance correspondente ao seis primeiros meses do ano, e sinalou que o turismo "crece en cantidade e calidade", ao superar por primeira vez a barreira dos dous millóns de viaxeiros. Segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), a comunidade creceu en demanda turística cun 7,7% fronte ao 1,2% do conxunto estatal. Os datos sinalan unha subida do 5% do turismo interno (procedente de Galicia) e dun 6% no nacional.

Rodríguez destacou a subida do 15% dos viaxeiros estranxeiros, que supoñen o 27% do total, e atribuíu este aumento ao "esforzo" da Xunta por "situar a Galicia nos mercados internacionais" a través do "empuxe do Camiño de Santiago". As pernoctas creceron unha 7,7% fronte ao 1,2% da media. Desta maneira, o titular de Cultura e Turismo explicou que os viaxeiros ademais de estar "mellor repartidos" quedan máis tempo na comunidade, o que permite "facer gasto" e "crear traballo".

HOTEL, O ALOXAMENTO PREFERIDO. A rendibilidade hostaleira creceu por encima do 9%, fronte ao 3,6% rexistrado a nivel nacional, posto que os viaxeiros elixen este aloxamento como primeira opción, e concentran o 73,5% da demanda. Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), o sector turístico galego emprega un 9% máis de profesionais que hai un ano, o que "xera riqueza e fixa poboación" nos distintos territorios, sinalou o conselleiro.

A Coruña foi a provincia que máis demanda recibiu, ao corresponderlle o 43%. Séguelle Pontevedra, cun 34%; mentres que Lugo e Ourense sumaron un 15%. Santiago é a cidade que máis viaxeiros recibe, ao superar os 300.000; seguida da Coruña, Vigo, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol.

A procedencia do maior número de viaxeiros do estranxeiro repártese entre Portugal, Alemaña, Estados Unidos, Italia e Reino Unido e ademais hai un incremento dos que acoden desde Países Baixos. No plano nacional, destaca a procedencia de Madrid, Castela e León, Andalucía e Asturias.

ENOTURISMO, FESTIVAIS E TERMALISMO. Román Rodríguez considerou aos diferentes puntos de Galicia "capaces de atraer viaxeiros durante todo o ano" polo "turismo rural" e as "experiencias ligadas á enogastronomía, paisaxe ou turismo rural".

O titular da consellería explicou a necesidade de traballar "da man da calidade e de maneira sustentable". Explicou tamén que o Goberno autonómico está a promover iniciativas destinadas a "potenciar as singularidades de cada zona" e valores como o "enoturismo, os festivais de música ou a oferta termal". Tamén sinalou que a Xunta pretende mellorar instalacións e servizos con axudas aos concellos do rural como a establecementos privados, co plan de mellora de aloxamentos turísticos.

Neste sentido, o conselleiro apuntou que o Executivo galego está "a impulsar" accións para "potenciar" a comunidade como "destino enogastronómico", ademais de iniciativas como Trens Turísticos e Fest Galicia.

Comentarios