Multa de 1.440 euros para un veciño de Vimianzo que rompeu oito veces a corentena 

Foi sorprendido unha vez dando "un paseo" de 30 quilómetros
Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Un control policial. EP

O xulgado de instrución número 2 de Corcubión, en funcións de garda, condenou ao pago dunha multa de 1.440 euros un veciño de Vimianzo que foi interceptado en oito ocasións incumprindo o confinamento obrigatorio porque, segundo dixo, estaba "canso de estar en casa" e "aburríase".

O home, que foi condenado como autor dun delito de desobediencia grave a axentes da autoridade, ignorou "sistematicamente" o disposto no real decreto do estado de alarma contra a pandemia do coronavirus e incumpriu "inxustificadamente" as limitacións de circulación, segundo subliña a xuíza na sentenza.

O procesado foi interceptado por axentes da autoridade fóra do seu domicilio ata en oito ocasións os días 22, 23, 24, 26 e 30 de marzo. Un deses días foi sorprendido en Fisterra, a 30 quilómetros do seu domicilio, a onde se desprazou "para dar un paseo", segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Na primeira ocasión, os axentes advertíronlle de que non podía saír da súa casa para ir encher tres ou catro veces á gasolineira. Con todo, e a pesar da amoestación, ao día seguinte foi descuberto nas localidades de Cee e en Fisterra, onde asegurou que se desprazou "para dar un paseo".

Na primeira ocasión en que foi interceptado advertíronlle de que non podía ir encher tres ou catro veces á gasolineira

O día 24, o home foi localizado por axentes da Garda Civil cando conducía o seu vehículo acompañado por outros dous mozos, ante o que argumentaron que saíran para "dar unha volta" porque estaban "cansos de estar en casa".

A pesar das advertencias, o día 26 volveu pilotar o seu coche por Vimianzo e, ao ser parado pola Garda Civil, limitouse a dicir que se atopaba "dando un paseo". Media hora despois, na AC-552, foi sorprendido outra vez no seu vehículo polos axentes, aos que trasladou que se "aburría" en casa.

Finalmente, os axentes volvérono a 'cazar' saltándose as medidas de confinamento o día 30 na mesma estrada, cando se atopaba, sen causa xustificada, en compañía dunha moza.

 

Outra condena na Pobra do Caramiñal por nove infraccións
O xulgado de instrución número 1 de Ribeira, en funcións de garda, condenou ao pago de 720 euros un home que admitiu incumprir de forma reiterada o confinamento na Pobra do Caramiñal. En concreto, o procesado incumpriu as medidas decretadas polo Goberno ata en nove ocasións, os días 17, 19, 20, 21, 22, 24, 26, 29 e 31 de marzo.