Unanimidade no Parlamento galego contra a sentenza da Manada

A declaración institucional mostra a "comprensión" da Cámara coa "decepción e a indignación" das mulleres polo fallo xudicial

Hemiciclo del Parlamento gallego. EP
photo_camera Hemiciclo do Parlamento galego. EP

O Parlamento galego mostrou este mércores a súa "comprensión coa decepción e a indignación" das mulleres e expresou o seu "desacordo" coa sentenza da Audiencia Provincial de Navarra que o pasado 26 de abril condenaba os cinco membros da Manada a nove anos de prisión por un delito de abuso e non de agresión sexual. 

Nunha declaración institucional que leu o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, na sesión plenaria deste mércores, a Cámara reafírmase no "seu respecto á independencia do poder xudicial", aínda que considera que "toda manifestación pública do exercicio dos poderes dun Estado democrático está exposta á opinión pública". 

Ademais, na declaración —que require o apoio de todos os grupos con representación no Pazo do Hórreo—, o Lexislativo galego recorda que o fallo "non é firme" e, xa que logo, "pode ser recorrido co obxectivo de que se modifique a cualificación xurídica" dos feitos probados como delito continuado de abuso sexual. 

Neste sentido, a Cámara traslada o seu "acordo" co anuncio do Ministerio Fiscal de presentar recurso contra a sentenza.

TRABALLAR "A FAVOR DA IGUALDADE REAL". O Parlamento galego tamén trasladou "todo o seu apoio e solidariedade" á vítima e aos seus achegados. 

Finalmente, reafirmou o seu "compromiso para continuar traballando a favor da igualdade real e efectiva" e "en defensa dos dereitos das mulleres".