miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

As universidades defenden que a incidencia do covid nos campus é "mínima"

Unha aula universitaria. ARQUIVO
Unha aula universitaria. ARQUIVO
A USC censura que se poña o foco "en exceso" no alumnado. As institucións académicas apostan pola "concienciación" dos estudantes para cumprir as normas sanitarias e non por accións represoras

A visión das universidades galegas sobre a evolución dos casos de coronavirus entre o seu alumnado afástase do análise da Xunta e cidades como Santiago. As institucións académicas defenden os seus estudantes e esgrimen os datos de contagios rexistrados para subliñar que a incidencia entre eles é "mínima", ou polo menos ata o momento. 

A Universidade da Coruña ten oito positivos nos campus de herculinos e de Ferrol, mentres que a UVigo defende que non existe "ningún problema" e que o comportamento do estudiantado é excelente", dado que non se rexistraron brotes de gravidade. A institución compostelá conta con máis casos, 20 en Santiago e tres en Lugo, cunha incidencia de 100 por cada 100.000 e de 60 por cada 100.000 persoas, respectivamente. 

Estes datos corroboran as palabras do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que aseguraba no pleno parlamentario da semana anterior que o curso universitario arrincou con normalidade e sen incidencias salientables relacionadas co covid-19. 

Con todo, varias voces relacionaron focos con este sector da poboación, por mor de festas en pisos rexistradas nas cidades e o incremento de casos en Santiago, referencia nos municipios universitarios de Galicia. 

A UDC contabilizou oito positivos, a UVigo non detectou brotes de gravidade e á USC cónstanlle tres casos en Santiago e tres en Lugo

O alcalde de Santiago, José Sánchez Bugallo, asegurou que "unha soa persoa, un único estudante" provocou "boa parte" dos contaxios rexistrados recentemente no municipio e vinculou directamente esta situación nas festas en pisos —unhas sesenta na última semana—, para avanzar que se estudarían fórmulas para endurecer as sancións.

"CONFUSIÓN". A tese de Bugallo vai na liña da argumentación do comité clínico de expertos que asesora a Xunta, que vinculou a evolución de casos directamente co arranque do curso universitario e a celebración de festas en pisos. A pesar diso, non se achegaron datos específicos. 

Desde a universidade temen que exista "certa confusión" sobre a incidencia real nos centros, facultades e o propio alumnado. "Estamos en datos de positivos por baixo da media da cidade, moi por baixo", insistiu o xerente da institución, Javier Ferreira, en declaracións a Europa Press. 

O responsable da USC en materia de covid cuestiona que os seus alumnos "sexan os responsables" do empeoramento das cifras de Santiago e cre que se realizou "unha lectura nesgada" dos datos de incidencia, poñéndose o foco "en exceso" sobre este colectivo. Neste sentido, recorda que parte dos alumnos poderían non estar na cidade e, por iso, chama á prudencia á hora de vincular os seus estudantes con festas ilegais.

"Estamos en datos de positivos moi por baixo da media da cidade", asegura o xerente da USC

MEDIDAS. O debate en Galicia prodúcese nun contexto de elevada afectación noutras latitudes, vinculada co lecer nocturno, e que levou algunhas institucións a tomar medidas. Así, a Universidade de Salamanca iniciou os trámites para expulsar de xeito cautelar a 75 estudantes pola convocatoria dunha "barra libre" e advertiu outros alumnos que participaran en festas en pisos. 

O alcalde de Santiago referiuse a esa decisión en concreto para asegurar que lle parecería "moi ben calquera medida que se aplique" a persoas "que demostren non ter a responsabilidade suficiente". 

Ferreira, pola súa banda, descarta a necesidade de adoptar sancións ou medidas represoras neste momento, do mesmo xeito que a propia Universidade de Vigo, aínda que chama a incrementar as accións de concienciación para promover o lecer responsable entre os mozos e móstrase aberto a colaborar con calquera institución que o solicite ou o necesite. 

O Sergas, pola súa banda, avanzou que se desenvolverá un programa de cribado nas residencias universitarias galegas, que podería estenderse ao resto da comunidade académica. 

As universidades defenden que a incidencia do covid nos campus é...
Comentarios