O uso do autobús urbano crece un 5,7% en Galicia en decembro

Sitúase como a cuarta comunidade autónoma que máis aumenta o emprego deste medio de transporte
Autobús urbano de Vigo. ADP
photo_camera Autobús urbano de Vigo. ADP

O transporte urbano por autobús rexistrou o pasado decembro de 2019 os 5.273.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 5,7% con respecto ao mesmo mes do 2018, segundo os datos publicados este martes polo Instituto Galego de Estatística (IGE). 

De acordo con este informe, a galega sitúase como cuarta comunidade autónoma que máis aumenta o uso deste medio de transporte, tras Euskadi (+8,7%), Cataluña (+5,9%) e Asturias (+5,8%) e empatada con Canarias (+5,7%). 

Ademais, os case 5,3 millóns de viaxeiros en autobús do mes de decembro en Galicia supoñen un aumento do 2,9% con respecto ao uso medio mensual desta modalidade de transporte de todo o 2019. 

En todo o Estado, o autobús urbano foi utilizado no último mes do ano por máis de 1.830 millóns de persoas, un 3,6% máis que doce meses atrás. En canto a aquelas cidades españolas que dispoñen de metro, rexistraron entre todas elas máis de 1.270 millóns de pasaxeiros, un 2,4% máis na comparación interanual.