Miles de galegos saen á rúa contra a sentenza a La Manada

Á fronte da marcha compostelá os asistentes portaban unha pancarta coa lenda 'Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia. #omachismomata'

Varios miles de persoas saíron este xoves ás rúas das cidades galegas para mostrar a súa repulsa contra a sentenza da Audiencia de Navarra aos integrantes do grupo coñecido como La Manada.

A Audiencia de Navarra condenou este xoves a cada un do cinco integrantes de La Manada a 9 anos de cárcere por un delito continuado de abuso sexual con prevalimiento e non por agresión sexual, ao non apreciar violencia, contra unha moza en Pamplona durante os sanfermines de 2016.

En Santiago de Compostela, ao redor dun milleiro de persoas concentrouse na Praza 8 de marzo e ao cabo dun cuarto de hora proferindo cánticos como "Se eles son Manada, nós multitude" ou "Xa abonda de xustiza patriarcal" iniciaron unha marcha cara ao centro histórico invadindo a calzada en Virxe da Cerca.

Á fronte da marcha os asistentes portaban unha pancarta coa lenda "Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia. #omachismomata".

Pilar Estévez, portavoz do Movemento Feminista en Compostela asegurou que é preciso "feminizar a lei" porque, na súa opinión, non se pode permitir que o Código Penal se interprete do modo que fixeron os xuíces da Audiencia de Navarra, se é que o "problema" é o Código, sinalou.

En Vigo outro milleiro de persoas concentrouse fronte ao Marco, onde coincidiu a protesta por esta sentenza coa habitual contra a violencia machista do último xoves de cada mes.

Alí, baixo a lema "A complicidade institucional é violencia criminal", as persoas concentradas aplaudiron ironicamente aos xuíces que ditaron a sentenza mentres o actor Manuel Botana tachaba de "incomprensible" a resolución xudicial e cualificaba de "ridícula" a condena

Posteriormente sumouse máis xente á convocatoria e proferiron cánticos como "É agresión, non é un abuso" e "Tranquila, irmá, aquí está a túa manda".

En total, en Galicia había convocadas unha vintena de mobilizacións en contra da sentenza, as máis importantes e numerosas nas cidades.

Comentarios