jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Vigo e Renfe acordan ofrecer descontos aos visitantes do Marisquiño

Estación de tren de Vigo Guixar. AEP.
Estación de tren de Vigo Guixar. AEP.

O alcalde de Vigo e presidente da Fundación Vigo Convention Bureau, Abel Caballero, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, asinaron este xoves na cidade olívica a renovación dun acordo de colaboración que permitirá ofrecer descontos nos billetes de tren a quen acuda ao festival do Marisquiño. O obxecto do acordo é promocionar conxuntamente o uso do tren e a cidade de Vigo como destino turístico e de negocios.

Grazas a este acordo, a Fundación Vigo Convention Buerau, así como calquera outra institución que organice un congreso ou evento en Vigo, poderá ofrecer aos asistentes, se son máis de 75, un desconto do 35% sobre a tarifa xeral nos billetes de ida e volta. "Viñemos a asinar un convenio de apoio de Renfe ao Marisquiño e tamén a intercambiar co alcalde ideas e os proxectos que el ten para a cidade e para o ferrocarril no futuro, así como a facer un repaso das posibilidades que temos para mellorar os tráficos e explotar major o ferrocarril", dixo Táboas. Nese sentido, o presidente de Renfe explicou o interese da compañía polos fluxos de mobilidade cara a Portugal e a súa necesidade de coñecer as opinións das autoridades locais.

"Nós non descartamos, como sempre expuxen, a conexión de alta velocidade co Porto, e polo tanto con Lisboa, de maneira que sexa unha liña O Porto-Vigo-Madrid a través de Ourense por Cerdedo, e iso o operador vaino a ter que ter en mente", explicou pola súa banda Caballero.

Táboas recoñeceu que Renfe estuda diferentes posibilidades e que por iso el reuniuse xa con Comboios de Portugal, aínda que de momento non existen plans a curto prazo. "Depende das necesidades e infraestruturas que permitan facer esas operacións cunha certa comodidade para os viaxeiros e non ter que entrar e saír dos trens e rebotarlos en dúas estacións como neste momento tería que pasar. Pero imos, aí hai un tráfico potencial", concluíu.

Vigo e Renfe acordan ofrecer descontos aos visitantes do Marisquiño
Comentarios