Villares critica a "absoluta farsa" das confluencias de Podemos

Asegura que non teñen "capacidade política de ningún tipo", e reclama un acordo de Goberno cunha axenda política galega afirmando que non está "pechada" a súa fórmula de concorrencia electoral
Luís Villares. ÓSCAR CORRAL
photo_camera Luís Villares. ÓSCAR CORRAL

O portavoz de En Marea, Luís Villares, inaugurou este luns o curso político cargando contra confluencia galega de Unidas Podemos, Galicia en Común, que cualificou de "absoluta farsa", dado que, na súa opinión, a deriva dos acontecementos demostra que "non teñen capacidade política de ningún tipo" a nivel individual.

Así o explicou nunha rolda de prensa na que criticou a "batalla" polas "cadeiras de brazos" de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, unha loita na que "a testosterona se opuxo ás neuronas" e que deixa como "vítimas" aos servizos públicos, o investimento en I+D+i, o medio ambiente ou os mozos.

Luís Villares criticou que durante todo o verán non se escoitaron "debates de ideas" co obxectivo de conformar un Goberno central, se non "pelexas de salón" nas que, afeou, non tiveron visibilidade as confluencias de Podemos, antigos socios de En Marea.

En particular, referiuse ao feito de que as "supostas confluencias" non negociasen "bilateralmente" as súas esixencias con Pedro Sánchez, o que as converte nunha "absoluta farsa". "Demostrouse que non había programa político propio nin autonomía para negociar", asegurou.

Por iso, para Luís Villares, este modelo "non serve para vertebrar a plurinacionalidade" do Estado nin para "os intereses dos cidadáns de Galicia", xa que manteñen con Podemos unha estrutura "fortemente centralista".

Nesta liña, cuestionou á portavoz adxunta de Unidas Podemos, Yolanda Díaz, e ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, "con que credibilidade" falan "dunha alternativa de Goberno en Galicia cando non son capaces de acordar un Goberno no Estado".

ACORDO E AXENDA GALEGA. Por iso, Luís Villares, adscrito agora no Parlamento ao Grupo Mixto, reclamou que se alcance a nivel estatal un "acordo para un Goberno de progreso" cun "programa progresista" e que teña unha axenda social e económica para Galicia.

"Nós estariamos xa cun acordo de coalición e cun acordo programático pechado", dixo Villares, que lembrou a Sánchez e Iglesias que "esa é a súa responsabilidade".

Sobre a situación de En Marea, Luís Villares admitiu que, no caso de que se produzan novos comicios, dixo, abrirase "o debate sobre as alianzas ou sobre a posibilidade de concorrer en solitario". "Neste momento, a dirección non ten pechada ningunha forma concreta de concorrencia electoral", sentenciou.

Comentarios