lunes. 21.10.2019 |
El tiempo
lunes. 21.10.2019
El tiempo

Villares defende Alcoa e responsabiliza a PP e PSOE da "morte industrial da Mariña"

Luís Villares. ÓSCAR CORRAL
Luís Villares. ÓSCAR CORRAL

Propón unha reforma "integral" do sector eléctrico que permita abaratar os prezos da luz e a viabilidade das electrointensivas

O portavoz de En Marea, Luís Villares, reivindicou este sábado a defensa de Alcoa e asegurou que a súa organización política "traballará para que as factorías da compañía continúen funcionando e mantendo a totalidade dos postos de traballo", fronte ao Partido Popular e Partido Socialista, aos que responsabilizou da "morte da Mariña" lucense.

Neste sentido, nun acto na localidade lucense de Viveiro, Villares denunciou a "nefasta xestión" do PP e do PSOE que, ao seu xuízo, durante anos "priorizaron os intereses persoais en detrimento de toda a cidadanía". "Estamos aquí para defender Alcoa, para defender a industria e a todos os cidadáns da estafa da luz. Votar a En Marea é votar futuro, é votar polo fin das estafas. Votar polo PP, igual que polo PSOE, é votar pola morte industrial da Mariña de Lugo", asegurou Villares, segundo recolle En Marea nun comunicado.

No evento, onde tamén estiveron presentes as candidatas para o Congreso e o Senado Cristina Pérez Herraiz, Victoria Esteban e Manuel Germade, o portavoz de En Marea animou ao expresidente Mariano Rajoy (que participou este mesmo sábado nun acto electoral do PP) a dar explicacións sobre a situación da Mariña. "É unha boa oportunidade para pedirlle contas a quen é responsable dun dos maiores desastres que se están producindo na Mariña nestes momentos. En relación ao tren, A Mariña perdeu unha oportunidade de futuro, por non contar cunha aposta desde o Estado durante os anos nos que Rajoy foi presidente. Que o explique", subliñou Villares.

ESTAFA POLÍTICA. Así mesmo, engadiu que a posibilidade de peche de Alcoa é "consecuencia dunha estafa política e dun caso de corrupción institucional promovido polo propio Mariano Rajoy e polo Goberno do Partido Popular", indicou Villares. Ademais, destacou que En Marea se sitúa á beira da cidadanía, "fronte aos que apostan polas portas xiratorias".

"Desde En Marea propomos unha reforma integral do sector eléctrico que permita abaratar os prezos da luz e que supoña a viabilidade das empresas electrointensivas como Alcoa. Pero tamén o final da estafa mensual que os recibos da luz supoñan para todos os fogares", afirmou o portavoz.

A aposta de En Marea pasa tamén por garantir que todas as empresas electrointensivas que reciban subvencións teñan a obrigación de investir na modernización das súas instalacións e garantir os postos de traballo, así como prohibir as chamadas portas xiratorias "como medida esencial de hixiene democrática, para que persoas como Felipe González, José María Aznar, e quen sabe se pronto tamén Mariano Rajoy non acaben nas empresas eléctricas que se benefician desta estafa cidadá".

33% DO PIB. Luís Villares tamén lembrou a importancia de Alcoa, unha planta que achega o 33% do PIB de toda a provincia de Lugo "e á que o PP e o PSOE deixaron na estacada". "A regulación do sector eléctrico supuxo grandes beneficios para empresas na que agora están colocados expresidentes do goberno facendo de lobbys, de forma absolutamente corrupta, para beneficiarse e beneficiar esas empresas en detrimento de toda a cidadanía. E iso pode dar lugar ao peche de Alcoa", sentenciou.

Villares defende Alcoa e responsabiliza a PP e PSOE da "morte...
Comentarios