Villares espera que "ninguén se sinta excluído" nas primarias para as municipais

O portavoz parlamentario de En Marea chama desde Pontevedra a unha participación "activa" que permita atopar "bos candidatos" para optar ás principais alcaldías

Luís Rei e Luis Villares, este luns en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Luís Rei e Luis Villares, este luns en Pontevedra. DAVID FREIRE

O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, asegurou este luns que espera que "ninguén se sinta excluído" no proceso de primarias que iniciaron as mareas municipalistas en Galicia para elixir os seus candidatos para as eleccións de 2019.

A preguntas dos xornalistas en Pontevedra, Villares explicou que lle "gustaría" que nestas primarias haxa unha participación "activa" de todo o "espazo de confluencia" de En Marea, que permita atopar "bos candidatos" para optar ás principais alcaldías. "Para nós é fundamental que sexan participativas e que ninguén se sinta excluído", engadiu o portavoz de En Marea, que garantiu que o partido "respectará" a autonomía de cada unha das mareas e tan só "arroupará" este proceso.

A este respecto, Villares deu o "parabén" a Marea Pontevedra, que esta fin de semana oficializou que o escritor e xornalista Luís Rei, actual portavoz municipal, volverá encabezar a súa candidatura nos próximos comicios locais.

O traballo realizado por todas as mareas galegas, destacou Luís Villares, demostra que estas confluencias municipais "naceron para quedar" e ofrecer unha "alternativa de esperanza" en Galicia.

O líder de En Marea engadiu que todas as mareas teñen as "portas abertas" para "seguir crecendo" coa incorporación de novas sensibilidades sociais que queiran "integrarse" no seu discurso político e contribuír a deseñar a súa estratexia política.

Así, de fronte ao plenario do 17 de marzo, onde se abordarán as próximas eleccións municipais, En Marea organizará encontros abertos nas catro provincias galegas para consultar cos inscritos os pasos para seguir.

No caso de Pontevedra, mareas de toda a provincia reuniranse o vindeiro domingo 18 de febreiro na cidade de Pontevedra para debater de que maneira se pode aproveitar a experiencia municipal actual para fortalecer o proxecto noutras localidades.

O gran obxectivo de En Marea, expresado tanto por Villares como por Rei, será que as confluencias municipalistas poidan estar presentes nos gobernos das deputacións provinciais que se formen tras as eleccións de 2019. 

Comentarios