Villares e Gómez-Reino reúnense, pero continúan a súa idea de ir separados ás xerais

O sector crítico estuda opcións para a marca da coalición electoral e confía en darlle continuidade para as municipais

Villares e Gómez Reino, xuntos nun acto de En Marea no pasado. ARQUIVO
photo_camera Villares e Gómez Reino, xuntos nun acto de En Marea no pasado. ARQUIVO

Os líderes de En Marea, Luís Villares, e Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, mantiveron esta semana un encontro no que achegaron posturas no medio do conflito entre os dous sectores da confluencia galega sobre como presentarse ás eleccións xerais e que, salvo sopresa de última hora, suporá a división de En Marea en dúas candidaturas. 

No entanto, tanto a dirección do partido instrumental como a de Podemos Galicia non renuncian ás súas posicións, que encamiñan a En Marea a escenificar a súa ruptura nos comicios do 28 de abril. Mentres os primeiros insisten en presentarse como partido político, a formación morada e Esquerda Unida traballan na reedición da coalición electoral das eleccións de 2015 e 2016, na que tamén participou Anova. 

A cúpula da organización nacionalista que encabeza Antón Sánchez decidirá este sábado a súa postura definitiva, máis proclive a unirse á coalición que propoñen Podemos e EU que a participar da candidatura do partido instrumental, con cuxa dirección, encabezada por Luís Villares, manteñen diferenzas desde hai xa dous anos. 

Así as cousas, a coalición do sector crítico deberá buscar unha nova marca electoral, xa que o nome 'En Marea' -empregado nas xerais de 2015 e 2016- está baixo o control do partido instrumental de Villares.

NOVA MARCA 
Fontes do sector crítico consultadas por Europa Press sinalan que están sobre a mesa varias opcións para denominar o novo proxecto a través dunha marca que pretenden que teña continuidade máis aló destas xerais. 

Así, estas fontes apuntan á posibilidade de que esa nova denominación poida ser empregada como 'marca paraugas' para reunir votos das candidaturas municipalistas de cara a aumentar a súa presenza nas deputacións provinciais. 

De ser así, a nova marca promovida polo sector crítico competiría electoralmente o próximo 26 de maio con En Marea, que, desde hai case un ano, ofrécese como "paraugas" a aqueles proxectos municipalistas que o soliciten. 

Comentarios