Villares invita a PSOE e BNG a sumarse a un "pacto de xustiza social"

A súa intervención non estivo exenta dalgunhas frases polémicas, que foron retiradas no transcurso ou ao final do debate

Luís Villares. PEPE FERRÍN
photo_camera Luís Villares. PEPE FERRÍN

O portavoz de En Marea, Luís Villares, desmereceu a xestión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no seu discurso durante o debate de política xeral e, en concreto, sacou a colación a emigración, a "implosión demográfica" e as persoas que "optaron desesperadamente por suicidarse" ante a situación económica. "Non, non nos merecemos un goberno que provoca éxodos, implosión demográfica ou suicidios. Nin vostede, nin ninguén ten dereito a amargarnos a vida", denunciou. 

Fronte a iso, e erixíndose en líder da oposición como segunda forza máis votada, propuxo un "novo trato cidadán baseado na xustiza social" á que sumar a PSOE e BNG, baseada en tres partes: investimentos sociais en proporcións de PIB semellantes ás de 2009, "desmercantilización" dos bens básicos esenciais para a sociedade e reforma estatuaria de carácter social. 

Non en balde, Villares, que centrou boa parte da súa intervención na situación da sanidade pública, recordou o acordo das tres forzas políticas da oposición para forzar unha comisión de investigación sobre os "recortes" en sanidade. "Somos forzas diversas, pero nos puxemos de acordo ao redor da defensa da vida e a saúde da xente", remarcou. Neste escenario, o líder da formación rupturista quixo "ofrecer un novo trato cidadán".

Así, quere acordar propostas de emenda aos orzamentos da Xunta para 2019 que dean unha garantía "mínima de investimentos sociais, en proporción de PIB semellantes aos dous orzamentos de 2009 en materia de igualdade e loita contra as violencias machistas, educación, benestar e sanidade".

En segundo termo, aposta por acordar "a desmercantilización dos bens básicos esenciais" para a sociedade, "impedindo" que grandes empresas, "maiormente multinacionais e fondos de investimento", fagan negocio á conta da "vida, saúde e dereitos" dos galegos.

"CONSENSO SOCIAL". A este respecto, citou o "consenso social" ao redor de varios bens: a auga, a sanidade, a educación, as pensións, a prevención e extinción de incendios e os servizos sociais. Todos estas áreas pediu sacalas do "negocio" das empresas.

Beiras apoiado no seu bastón. PEPE FERRÍNE, neste escenario, pediu unha "reforma estatutaria de carácter social", ante a "obsolescencia dun estatuto de autonomía que non contempla a carta de dereitos sociais dos galegos".

"Queremos adquirir e compartir o compromiso de erixir en dereito social básico, con carácter vinculante fronte ao poder público autonómico, os seguintes bens: auga, acceso a unha vivenda digna e un mínimo de renda vital e de enerxía dispoñible en cada fogar", explicou.

Villares indicou que se trata de chegar a un "pacto ao redor duns valores sociais compartidos, baseados na solidariedade social, na cooperación e na sustentabilidade". "Porque non somos unha gran empresa, senón unha gran familia", salientou.

EXPRESIÓNS RETIRADAS. A intervención de Villares, que foi seguida polo histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras desde a bancada de invitados, non estivo exenta dalgunhas frases polémicas, que foron retiradas no transcurso ou ao final do debate. Concretamente, cando aludiu aos conselleiros como "comisionistas", o que provocou as protestas desde as bancadas populares.

O resto do discurso continuou sen especiais interrupcións pero, cando finalizou, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, sacou os apuntamentos realizados. Así, pediulle que retirase a expresión na que relacionou os "chisqueiros" que prenden no monte con amigos "dos que hoxe gobernan".

Tamén lle reclamou que retirase a expresión "acosador" vinculada a Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, a de "sicarios" na CRTVG e cando dixo "será que algúns no PP se senten fillos dos que dispararon a Bóveda", momento no que Villares afeaba ao presidente da Xunta o discurso que fixo na desembalaxe do cadro de Castelao A derradeira leición do mestre

O líder de En Marea tomou a palabra para que non figurase no diario de sesións todas as cuestións que mencionou Santalices, agás a referida a Baltar. "Pois esa retíroa eu e chámolle á orde", sentenciou o presidente da Cámara.

"Galicia, un trampolín"
No seu discurso, Villares puxo de manifesto que a Feijóo "non lle valeron nin o seu neoliberalismo autoritario nin a súa submisión a Madrid". "Quería vostede facer de Galicia o seu trampolín, pero na piscina non había auga, toda a auga estaba nas fotos que o relacionaban co narcotraficante Marcial Dorado", espetoulle. 

O líder de En Marea atribuíu esta situación a que na "Corte non o querían porque ese pasado era bochornoso incluso para o PP" e porque "na súa vida política ten aínda oito falecidos por Hepatites C sen enterrar", recriminou, no discurso da oposición de maior dureza verbal cara ao presidente da Xunta. 

"Non, na Corte non o querían porque o PP quería fuxir do seu pasado corrupto e vostede reivindicou nesta cámara a trampa cando dixo que o seu partido se aproveitaba das zonas grises da lei para financiarse. Non eran zonas grises, do que vostede falaba era das 'augas grises' do seu partido", incidiu Villares. 

Así pois, o portavoz da formación rupturista concluíu que Feijóo era o único que "pensaba ser un merlo branco". "Os demais viron o corvo negro que había nos seus políticos. E se o PP non se merece un presidente así, desde logo Galicia tampouco", concluíu.

Ao longo da súa intervención, Villares sacou a "conclusión" de que os "recortes públicos" nas distintas materias que abordou no seu discurso, a "precariedade laboral e social" ocasionada polo "seu absentismo e complicidade coas estafas masivas" das grandes empresas, "causan desigualdade social, desequilibrio territorial, perda de oportunidades e sobre todo ausencia de expectativas de futuro". 

"En definitiva, desesperanza. Non, Galicia non merece un presidente como vostede", reiterou Villares, quen no seu discurso reivindicou o "carácter nacional de Galicia". "Somos máis que xente, máis que territorio e paisaxe, somos unha comunidade humana", introduciu, antes de indicar que Galicia "ten conciencia de ser unha nación". 

Deste xeito, criticou "tres deslealdades": a "negación dun sistema de financiamento xusto", que permita "atender dignamente as necesidades da cidadanía"; a "falta de investimentos comprometidos para Galicia", que suman 2.300 millóns desde 2014; e as "medidas recentralizadoras", con escusas "dos principios de contención de gasto".

"Valeu a pena tanta covardía política? Este presidente mudo é o que merece o noso país? Sinceramente, non", concluíu. 

Comentarios