"Ante a violencia machista, os Centros de Información á Muller mantémonos en loita"

Coa mirada posta no 25-N, a asociación que agrupa estas entidades destaca o labor fundamental de atención especializada que levan a cabo estas entidades
Parte da equipa directiva de ASOCIM. EP
photo_camera Parte da equipa directiva de ASOCIM. EP

No que levamos de ano 51 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas en España, unha cifra que xa supera a o total rexistrado en 2018 (50), segundo as últimas estatísticas da Delegación do Goberno, que non contabilizan os crimes machistas cuxo autor non mantivera unha relación sentimental coa vítima.

"Ante a violencia machista que non cesa, os Centros de Información á Muller (CIM) mantémonos en loita", asegura Margarita de la Calle , presidenta de ASOCIM (Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia).

Desde o colectivo piden reforzar os CIM con máis persoal e medios ao tratarse do "recurso especializado de primeira man" ao que teñen acceso as mulleres. Unha reivindicación á que se suma a necesidade de aumentar a presenza deste servizo nas zonas rurais e redistribuír os fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, fixando maiores partidas para as axudas destinadas ás vítimas, tanto en contía como en cobertura temporal, como para aqueles municipios que contan cun CIM; co obxectivo de incentivar a súa creación.

Coa conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller , o vindeiro luns 25 de novembro, no horizonte, ASOCIM chama a promover campañas de sensibilización e concienciación que poñan o foco no agresor machista e afonden nas diversas formas que existen de violencia de xénero (psicolóxica, sexual, física, económica). Accións imprescindibles para desactivar, en palabras de Margarita de la Calle "o auxe de ideas retrógradas que pensabamos superadas".

Neste sentido, o papel dos medios de comunicación vólvese fundamental. Por iso, é necesario que informen desde a responsabilidade e o compromiso cunha sociedade libre de violencia machista.

Comentarios