Volve a choiva e as temperaturas soben levemente

Este domingo o risco de xeadas será mínimo ► A cota de neve baixará ata os 800 metros cara ao final da xornada

 

Un neno protéxese da choiva baixo un paraugas. VILLAR LÓPEZ (EFE)
photo_camera Un neno protéxese da choiva. VILLAR LÓPEZ (EFE)

Unha nova fronte chega este domingo á comunidade, tralo anticiclón que aterraba este sábado acompañado de moita humidade.

Os cocidos e as filloas converteranse nun dos remedios máis axeitados para combater o frío na zona da montaña de Lugo e Ourense, na que a cota de neve andará arredor dos 1.200 metros pola tarde e pouco a pouco irá baixando ata alcanzar os 800 metros, segundo informa MeteoGalicia.

Con todo, de xeito xeral, as temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso, en especial nas mínimas, polo que as xeadas serán moito menos abundantes.

As choivas serán especialmente persistentes pola mañá nas localidades do noroeste da comunidade e agárdase que vaian remitindo cara ao final do domingo. 

Para a capital galega espéranse 8º de mínima e 12º de máxima, A Coruña 8º e 14º, Ferrol 8º e 12º, Lugo 4º e 12º, Pontevedra 8º e 13º, Vigo, as mesmas, e Ourense 6º e 14º.

O vento soprará en xeral frouxo, comezará de compoñente sur e co paso da fronte virará a compoñente norte.