PERFIL | Xan Xove, o deputado rabudo

O histórico gaiteiro de Os Papaqueixos aterra no Parlamento co Grupo Común da Esquerda. Nado en Viveiro e criado na Coruña, este funcionario de Correos loitará por "acabar coa infame época de Feijóo"
Xan Xove, en el Parlamento. EP
photo_camera Xan Xove, no Hórreo. EP

Ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, atragoóuselle Xan Xosé Jove González desde o mesmo momento no que entrou no hemiciclo e tivo que pronunciar o seu nome, unha especie de trabalinguas de xes e iotas. Quizais por iso el mesmo se fixo chamar desde moi novo Xan Xove. "Pero non por ser de Xove, como pensa moita xente", aclaráballe este martes a El Progreso.

En realidade é do lado, de Viveiro, onde naceu en 1977, aínda que marchou xa de neno para A Coruña. "Da Mariña é miña nai", explicaba a carón dela, xa que a proxenitora non quixo perder o histórico momento no que o seu fillo prometía a súa acta de deputado no Parlamento galego. Xunto a ela estaban, entre outros, o exalcalde da Coruña Xulio Ferreiro, compañeiro do novo parlamentario na Marea Atlántica.

Xove substitúe a Flora Miranda na bancada rupturista de En Marea, hoxe rebautizada como Grupo Común da Esquerda. E as súas primeiras palabras no escano xa provocaron o segundo conflito con Santalices, porque a fórmula que empregou non lle gustou moito ao presidente da Cámara. "Prometo, por imperativo legal, acatar o Estatuto e a Constitución, namentres non sexan estes textos reformados e derogados, afondando nos seus principios de xustiza social, igualdade e loita por un medio ambiente sustentabel, tal é o desexo da maioria social que me trouxo a este escano", dixo, xa sen voz no micro e entre chamadas de atención de Santalices.

Uns minutos antes, Xan Xove confesara ante os medios que comezaba a súa andaina como deputado "con toda a ilusión para aportar o meu gran de area" de cara a acadar "un novo modelo que necesita urxentisimamente o noso país"». "O obxectivo é que acabe a infame época de Feijóo" á fronte da Xunta de Galicia, dixo.

Xan Xove é graduado en Traballo Social e traballador público de Correos, onde foi presidente do comité de empresa da provincia da Coruña ata este mesmo ano. Porén, se por algo é coñecido é polo seu labor como músico, sendo un referente do movemento bravú galego. Virtuoso e enérxico coa gaita, comezou de moi novo cos Rexumeiros de Elviña e logo, xa aos 16 anos, pasou a formar parte de Os Papaqueixos. Co emblemático grupo coruñés, famoso polo seu verso "Sito Miñanco, preso político" do hit patrio Teknotrafikante, percorreu os palcos de medio país nos anos 90, tras un debut moi lucense no Castañazo Rock de Chantada. Logo da disolución da banda, seguiu vinculado á gaita colaborando con grupos como Jarbanzo Negro, Os Diplomáticos ou Tres Trebóns.

Comprometido de sempre con causas e movementos ambientais, culturais e antimilitares, estivo emigrado 15 anos en Barcelona e Menorca, para regresar en 2013 a Galicia. Unha nova etapa na que deu o salto á política como fundador da Marea Atlántica e agora, por unha serie de carambolas na espiral autodestrutiva de En Marea, acabou no Parlamento, onde senta rodeado de músicos —Villares, Mini e Davide Rodríguez— e onde promete dar guerra. Porque xa o dicía Xurxo Souto cando o presentaba sobre un escenario: "¡Aquí está Xan, o papaqueixos rabudo!". Desde agora será Xan, o deputado rabudo

Comentarios