Miércoles. 23.05.2018 |
El tiempo
Miércoles. 23.05.2018
El tiempo

A xestora cultural ourensá Cecilia Pereira será a comisaria do Xacobeo 2021

Cecilia Pereira. EP
Cecilia Pereira. EP

Conta con máis de 25 anos de experiencia nese eido, segundo salienta a Xunta de Galicia

A xestora cultural Cecilia Pereira será a comisaria do Xacobeo 2021, despois da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo a nomease este mércores conselleira delegada. 

Diso informou a Xunta nun comunicado, no que destaca que Cecilia Pereira Miramón (Ourense, 1964) conta con máis de 25 anos de experiencia na xestión cultural na administración pública e no sector privado. 

É licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) con dobre especialidade en Museoloxía e en Historia da arte Antiga e Medieval. Completou a súa formación de doutoramento en Estudos Medievais, posúe o recoñecemento de Suficiencia Investigadora pola USC e realizou o Curso Superior en Xestión de Empresas e Organizacións Culturais da Universidade Complutense. 

Ao longo da súa carreira profesional, ostentou a dirección de produción no organismo público Acción Cultural Española e dirixiu as Actividades Culturais da Sociedade Estatal para Exposicións Internacionais. 

Así, entre algunhas das súas funcións, destaca o deseño do programa cultural do Pavillón de España na Expo Zaragoza 2008, a dirección do Pavillón de España na Expo Shanghái 2010 e a comisaría xeral de España na Expo Yeosu 2012, en Corea do Sur. 

En Galicia, foi conservadora xefe do Centro Galego da Arte Contemporánea (CGAC) e participou no Programa Cultural Compostela 93 durante aquel Xacobeo, entre outras funcións.

PROXECTO UNITARIO. O Consello da Xunta aprobou en xaneiro o decreto polo que se regulan as funcións da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, un proxecto unitario que, segundo destacou o Goberno galego, "require de mecanismos que garantan a coordinación das distintas actuacións e a participación e colaboración das administracións públicas e outras persoas e entidades neste evento". 

Con este obxectivo, a Xunta sinalou que a creación dunha comisión organizadora así como a designación que actúe como cargo de apoio a este órgano constitúen os instrumentos básicos para "procurar unha actuación coordinada que asegure o seu éxito en todas as súas vertentes". 

Nesta comisión, ademais dos representantes da Administración autonómica, convidarase a participar como membros de pleno de dereito a representantes do Concello de Santiago, á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), á Delegación do Goberno en Galicia e ao Arcebispado.

A xestora cultural ourensá Cecilia Pereira será a comisaria do...