Volve a neve: a cota sitúase este xoves nos 800 metros

No litoral de A Coruña e Lugo activarase o aviso laranxa por ondas de ata cinco metros
Dúas amigas fan fotos na neve. EFE
photo_camera Dúas amigas fan fotos na neve. EFE

A montaña das provincias de Lugo e Ourense terá este xoves aviso amarelo por acumulación de neve e parte do litoral galego, laranxa por ondas de cinco a seis metros de altura. 

Así consta no Boletín de tempo meteorolóxico con avisos publicado por Meteogalicia, recollido por Europa Press, no que se indica que unha borrasca situada ao norte de Galicia deixará un episodio de ventos intensos no mar e altura de onda por encima dos cinco metros co avance do día. 

En concreto, o aviso amarelo por neve estará activado a partir das 18.00 horas deste xoves por acumulacións superiores aos cinco centímetros na montaña de Lugo e de Ourense. 

Mentres, no litoral noroeste da Coruña, na Costa da Morte e na Mariña luguesa o aviso será amarelo entre as 12.00 e as 15.00 horas por mar combinado do noroeste, con ondas de entre catro e cinco metros. Posteriormente elevarase a laranxa por ondas de entre cinco e seis metros. 

En canto ás Rías Baixas o aviso será amarelo desde as 15,00 horas deste xoves por mar combinado do noroeste con ondas de entre catro e cinco metros. 

A predición
O xoves aumentará a inestabilidade atmosférica debido á entrada de aire frío nas capas altas da atmosfera, de forma que os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos máis probables na metade norte durante a mañá.

A partir do mediodía as choivas intensificaranse e chegarán a toda a comunidade, con posibilidade de que veñan acompañadas de saraiba e aparello eléctrico. A cota de neve situarase nos 800-1.000 metros.

As temperaturas sufrirán un descenso, máis acusado nas máximas.O vento soprará moderado de compoñente oeste, con refachos fortes no litoral.

Temperaturas mínimas e máximas: A Coruña 10º 13º, Ferrol 10º 13º, Lugo 5º 10º, Ourense 7º 13º, Pontevedra 9º 14º, Santiago 7º 12º, Vigo 10º 15º

Comentarios