A xuíza nomea o Estado depositario dos bens de Meirás e rexeita as alegacións dos Franco

Mantén a data de entrega do inmoble: o día 10 de decembro ás 11.00 horas
Pazo de Meirás. CABALAR
photo_camera Pazo de Meirás. CABALAR

O xulgado de primeira instancia número 1 da Coruña designou ao Estado depositario de todos os bens mobles e elementos accesorios que conforman o complexo do pazo de Meirás e mantén a data de entrega do inmoble para o día 10 de decembro.

Tras o xuízo celebrado o pasado mércores para revisar a medida cautelar que prohibe aos Franco retirar bens do edificio mentres se realiza un inventario, a xuíza Marta Canales dirimiu que se permitirá a retirada daqueles obxectos "de estrito uso persoal ou que, polas súas características, nada representen para a significación do pazo como Ben de Interese Cultural".

O xulgado, que aceptou as alegacións do Estado, a Xunta, os concellos de Sada e A Coruña e a Deputación Provincial, mantén deste xeito a data de entrega do inmoble o día 10 ás 11.00 horas.

En relación aos gardeses, atendendo ao ofrecemento do Estado para que se lles confira un prazo maior para abandonar a casa que habitan, fixou como data máxima o 15 de xaneiro de 2021.

A maxistrada entende que era "urxente" prohibir aos Franco retirar obxectos do inmoble porque preparaban o seu traslado

A maxistrada rexeita no auto, contra o que cabe interpoñer recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña, a oposición efectuada pola familia Franco respecto da prohibición de retirar bens do pazo e a súa data de entrega ao Estado. Ademais, detalla que a parte demandada erra "cando di que se lle deron vinte días para retirar todos os seus bens", xa que "os seus actos foron os de cumprir voluntariamente o fallo e, en congruencia, o auto dispón o prazo dun cumprimento voluntario".

"A literalidad do auto é clara", sostén a titular do xulgado, que argumenta que a decisión de prohibir retirar bens do recinto sen informar previamente á parte demandada responde "a unha situación de urxencia patente", pois os Franco contrataran vehículos para levalos. "A urxencia xorde cando os demandados, dicindo que van entregar voluntariamente o pazo, previamente queren proceder ao traslado de bens en 50 camións, que sen dúbida son moitos camións, o que se traducía nun baleirado de non se sabía que", asegura.

Neste sentido, a maxistrada insiste en que era "necesario saber que existía en Meirás" antes de permitir "trasladar todo tipo de bens descoñecidos". "De non adoptar as medidas cautelares nunca sería posible acoller unha decisión futura, nunca podería debaterse se, por exemplo, un escudo se integra ou non na execución e propiedade do Estado, porque os bens terían, simple e sinxelamente, desaparecido", apunta.

Finalmente, a xuíza remarca que, unha vez realizado o inventario, o Estado terá que expoñer "que bens entende que deben ser entregados ou non". Así, asegura que "non ten sentido abrir agora o debate sobre que bens se integran ou non no pazo" porque a sentenza non é firme.

A solicitude de depósito efectuada polo Estado, segundo afirma no auto, resulta aceptable porque é "congruente coa finalidade de poder entrar a debater que forma parte da execución, todo, nada ou parte".

Comentarios