Un xulgado anula 106 nomeamentos do Concello da Coruña nos últimos tres gobernos

Atende a unha demanda da CIG sobre as comisións de servizo: uns 54 casos corresponden á etapa do PP, 37 ao bipartito e 33 á Marea Atlántica

El consistorio coruñés, en María Pita. AEP
photo_camera El consistorio coruñés, en María Pita. AEP

O xulgado do contencioso-administrativo número 2 da Coruña anulou uns 160 nomeamentos por comisión de servizo no Concello da Coruña, que corresponden ao actual mandato de Marea Atlántica, a etapa do PP e a do bipartito. 

Así o precisou a Europa Press o representante da sección sindical da CIG no Concello herculino, José María Calatayud, que explicou que "polo menos 33" corresponden ao actual mandato. Uns 54 foron nomeamentos realizados durante o PP e outros 37 co goberno bipartito, de acordo cos datos achegados pola central sindical. 

"Para que sexan ilegais, teñen que renovarse", expuxo o dirixente sindical sobre a renovación das comisións de servizo máis aló dos dous anos establecidos como máximo polo regulamento existente. "E a Marea renovou os anteriores", expuxo sobre os nomeamentos aprobados en anteriores mandatos e agora anulados. 

Este feito levou á CIG, en maio deste ano, a presentar unha demanda reclamando a anulación do mantemento das comisións de servizos por máis de dous anos e o cesamento inmediato dos funcionarios que as ocupan. 

Sobre a situación no Concello da Coruña, o representante da CIG denunciou que só en 2017 a Marea Atlántica realizou "39 nomeamentos en comisión de servizo". "E este ano levan cinco máis", subliñou sobre designacións que supoñen "máis responsabilidade e máis remuneración". 

No entanto, recordou que unha comisión de servizo, de acordo co regulamento existente, "é por un ano" coa posibilidade de prórroga só dun "ano máis".

ETAPA DE FRANCISCO VÁZQUEZ. Sobre o número de funcionarios en comisión de servizo, cuestionou o recurso a este tipo de designación, pero sinalou que isto se mantén no Concello herculino "desde que gobernaba Paco Vázquez", aseverou sobre o exrexedor socialista. "Dábanse comisións de servizo como repartir caramelos", pero apuntou que entón non había "nin unha Relación de Postos de Traballo". 

"Ao marcharse Francisco Vázquez, houbo tres gobernos distintos, pero actuaron igual", sentenciou. Mentres, explicou que, coa chegada de Marea Atlántica, desde a CIG déronlles "un tempo" para abordar esta situación. "Validaron as que había e aumentaron as comisións de servizo", sinalan. 

"Vestírono dándolle forma de concurso, pero elixiron eles a dedo", engadiu ao cuestionar os requisitos fixados. De feito, cando presentaron a demanda, a CIG acusou ao actual goberno local de levar ao "extremo" o uso da figura da comisión de servizos. Sobre o que ocorrerá agora con eses funcionarios, explicou que deberán volver ao seu anterior posto. 

No fallo, o xulgado sostén que o concello "non articula motivo fundado" de oposición á demanda recoñecendo que as comisións de servizos "prolongáronse máis aló da limitación temporal" que establece o regulamento. Tamén manifestou, recolle o fallo, que se atopaba en vías "de negociación" para regularizar a situación. 

Con todo, o xuíz engade que estas manifestacións "non poden alterar un feito certo que impón a estimación da demanda,a ilegalidade do mantemento das comisións de servizos referidas máis aló dos dous anos". Contra o fallo cabe recurso ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Comentarios