O xulgado celebra o venres a vista preliminar polo crime de Ana Enjamio

César A.O., o excompañeiro de traballo con quen a vítima mantivo unha relación, non acudirá ao xulgado, senón que realizará a vista preliminar por vídeoconferencia

Ana Enjamio. EP
photo_camera Ana Enjamio. EP

O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo acollerá este venres a vista preliminar previa á apertura de xuízo oral, ou sobresemento, en relación co crime de Ana Enjamio, unha moza de Boqueixón acoitelada ata a morte no portal da súa casa en Vigo.

O único investigado neste caso, César A.O., excompañero de traballo con quen a vítima mantivo unha relación sentimental, non acudirá ao xulgado, senón que a vista preliminar realizarase por vídeoconferencia, informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O xuíz decidiu prorrogar por dous anos a medida de prisión provisional para César A.O., detallan as fontes.

A vista preliminar celebrarase con arranxo ao artigo 30 da Lei do Xurado, tendo en conta que a instrución está finalizada.

Neste trámite, as partes poderán propor as dilixencias que consideren e pronunciaranse sobre a procedencia da apertura do xuízo oral e, no seu caso, sobre a competencia do tribunal do xurado para o enxuizamento.

Xa neste trámite ou no prazo de tres días, o xuíz ditará auto polo que decidirá a apertura de xuízo oral ou o sobresemento.

A segunda das opcións sería apelable ante a Audiencia de Pontevedra.

O xuíz tamén podería ordenar a práctica dalgunha dilixencia complementaria, antes de resolver, se a estimase imprescindible.

A Fiscalía, así como as acusacións particulares, exercidas pola familia e pola Xunta, neste caso como acusación popular, solicitaron que o crime de Ana Enjamio fose cualificado como asasinato durante a vista na que se lle trasladou formalmente a César A.O. a súa imputación.

O acusado presentaba cortes nas bonecas e só respondeu a preguntas da defensa

César A.O. foi enviado a prisión o 21 de decembro de 2016 tras comparecer ante o Xulgado de Violencia sobre a Muller, cando só contestou as preguntas do seu defensa.

Na véspera, a Policía Nacional desenvolveu un rexistro na vivenda na que o sospeitoso convivía cos seus pais, na zona de Candeán, en busca de probas.

César A.O. era compañeiro de nbsp;Ana& Enjamio na empresa Grupo Cablerías, nas súas instalacións en O Porriño, e ambos tiveron unha breve relación sentimental á que a moza decidiu pór fin.

O home foi detido no hospital, onde ingresou con cortes nas bonecas e o pescozo, tras autolesionarse, e foi dado de alta para, desde alí, ser trasladado a Comisaría, antes de ser posto a disposición xudicial.

A Policía sostén que César A.O. foi á cea de empresa á que acudiu a vítima, da que se marchou con dúas compañeiras.

Unha delas levouna no seu coche ata a súa vivenda, situada na Avenida de Madrid de Vigo, e, unha vez que entrou no rellano, foi supostamente atacada polo detido cunha arma branca, que lle puido cravar entre oito e dez veces ata producirlle a morte.