Xulio Ferreiro acusa o PP de buscar nos xulgados o que non logra nas urnas

Refírese así á denuncia que presentou contra a concelleira de Participación, Claudia Delso, polo concurso de adxudicación dos usos do antigo cárcere provincial

Xulio Xosé Ferreiro Baamonde (A Coruña, 1974). MONCHO FUENTES (AGN)
photo_camera Xulio Xosé Ferreiro Baamonde (A Coruña, 1974). MONCHO FUENTES (AGN)

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reprochou ao PP intentar "ir aos xulgados para lograr o que non logra nas urnas" coa denuncia que presentou contra a concelleira de Participación, Claudia Delso, polo concurso de adxudicación dos usos do antigo cárcere provincial. 

"O PP estaría seguramente máis cómodo con que algúns se beneficiasen dun ben público e edificar equipamento lucrativo", dixo ao negar unha actuación irregular na adxudicación. 

E é que de novo volveu a insistir en que o goberno local buscou destinar a usos "sociais" o antigo cárcere. "E isto hai xente que non o perdoa", dixo despois de que o PP informase que a edil comparecerá o 1 de marzo no xulgado como investigada por un suposto delito de prevaricación administrativa, de acordo coa denuncia dos populares.

O PP ACÚSALLE DE VICTIMISMO 
Por parte do PP, a portavoz municipal, Rosa Galego, acusou ao rexedor de intentar dar unha "visión de victimismo que non existe".

"É unha conspiración do fiscal, da xuíza", preguntouse Galego en resposta ás críticas recibidas desde o goberno local e en alusión ao apoio á súa denuncia por parte do Ministerio Público. 

Para os populares, a edil debería dimitir, algo que o propio alcalde descartou apelando ao código ético da Marea Atlántica que fixa, segundo explicou, que debe haber unha resolución xudicial que impute un delito á persoa con responsabilidade política.

Mentres, en canto á adxudicación dos usos da antiga prisión, Rosa Galego reiterou que lla deron aos seus amigos", engadiu sobre o Proxecto Cárcere

Comentarios