jueves. 29.10.2020 |
El tiempo
jueves. 29.10.2020
El tiempo

A Xunta anuncia cinco millóns de euros en axudas para o lecer nocturno

Manifestación de empresarios do sector do lecer nocturno en Santiago. LAVANDEIRA JR. (EFE)
Manifestación de empresarios do sector do lecer nocturno en Santiago. LAVANDEIRA JR. (EFE)
Os subsidios irán destinados ao aluguer de locais, as actuacións das salas de concerto ou a subvención de empregos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves que se porá en marcha un paquete de medidas por case cinco millóns de euros para apoiar ao sector do lecer nocturno da comunidade ante a pandemia.

En primeiro lugar, Feijóo referiuse á convocatoria dunha liña de axudas por valor de 2,2 millóns de euros, para sufragar os gastos de aluguer dos establecementos que se atopen pechados desde o 15 de agosto a consecuencia da decisión tomada polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas.

Así mesmo, o contrato de aluguer terá que estar en vigor desde o mes de xaneiro de 2020 e seguir vixente durante o ano posterior á data en que se permita a reapertura.

Feijóo tamén destacou a convocatoria de axudas por 600.000 euros para os establecementos habilitados como sala de concertos, sala de espectáculo ou café concerto, que no pasado 2019 levasen a cabo un mínimo de 15 concertos.

O importe do proxecto presentado deberá ser superior aos 25.000 euros e subvencionarase ata o 80% dos gastos. "E faremos un anticipo de forma inmediata, anticipo que poden utilizar no momento en que se reabra o lecer nocturno", recalcou.

Ademais, habilitarase unha liña de axudas para o mantemento do emprego neste sector por 2 millóns de euros, á que se sumarán nas próximas semanas outras iniciativas para facer fronte ao covid.

A cuarta medida deste paquete consistirá en "préstamos para o financiamento do capital de explotación a un tipo de interese do 0,2 con tres anos de carencia".

Para concluír, o presidente da Xunta incidiu en que o obxectivo é "paliar a baixada absoluta, ingresos cero, de todo este sector económico de lecer que supón, sen ningunha dúbida, unha parte importante en empregos na comunidade autónoma".

OUTRAS MEDIDAS. Ademais, a Xunta aprobou unha partida de 1,7 millóns de euros para aumentar o persoal nos servizos de comedor escolar.

Deste xeito, nos comedores de xestión directa da Xunta haberá 166 colaboradores autorizados máis, que percibirán 12 euros por hora, en lugar dos 9 que cobraban ata a data.

Esta medida, segundo Núñez Feijóo, permitirá "crear 129 prazas adicionais" de comedores escolares, que agora poderán ser atendidos tamén por irmáns ou outros familiares, non necesariamente polos pais.

Nos comedores de xestión indirecta, a partida aprobada permitirá contratar a 42 persoas máis.

Ademais de asuntos relacionados co covid, a Xunta deu o visto e prace a unha partida de 18 millóns de euros para desenvolver proxectos con entidades sociais contra a pobreza e avaliou o impacto da tuberculose en Galicia entre 1996 e 2019, período no que a enfermidade rexistrou un descenso de case o 75% de casos novos.

A Xunta anuncia cinco millóns de euros en axudas para o lecer nocturno
Comentarios