A Xunta asegura que o Goberno aínda debe diñeiro a Galicia

A xuízo da administración autonómica segue faltando que se abone unha mensualidade do IVE do 2017 (170 millóns) e as compensacións por cumprir coas regras de gasto e déficit (200 millóns).
Valeriano Martínez. XOÁN REY
photo_camera Valeriano Martínez. XOÁN REY
A Xunta de Galicia lamentou este venres que o real decreto lei aprobado este venres polo Consello de Ministros ratifica que o Goberno central só pretende pagar a Galicia “menos da metade da débeda que ten”.

Desde o departamento de Facenda do Goberno autonómico remarcan que a débeda con Galicia ascende a 700 millóns de euros xa que o diñeiro que se debe á comunidade non son unicamente os 330 millóns correspondentes ás entregas a conta pendentes deste 2019.

A xuízo da administración autonómica segue faltando que se abone unha mensualidade do IVE do 2017 (170 millóns) e as compensacións por cumprir coas regras de gasto e déficit (200 millóns).

“Se agora non hai impedimento legal para pagar as entregas a conta, non pode habelo para pagar toda a débeda”, insisten desde a consellería.

Ademais, lamentan tamén que o decreto asinado este venres demostra que o Goberno estaba a bloquear un diñeiro que é de todos os galegos e que si era posible transferilo ás comunidades autónomas, cuestión que o Goberno central negou durante meses.

Por todo iso, a Xunta de Galicia volve esixir a convocatoria inmediata do Consello de Política Fiscal e Financeira co obxectivo de que o Executivo explique as razóns para non transferir ás comunidades autónomas a totalidade do diñeiro.

Comentarios