sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

A Xunta, condenada por non facilitar información sobre a fusión das caixas a Antón Sánchez

Antón Sánchez. LAVANDEIRA JR
Antón Sánchez. LAVANDEIRA JR
O Goberno galego deféndese e di que o atraso na documentación, pedida desde 2013, "non é esaxerado"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou á Xunta por "vulnerar" os dereitos do aínda deputado Antón Sánchez cando era membro da coalición Alternativa Galega de Esquerda e solicitou información sobre a fusión das caixas galegas e o seu posterior proceso de bancarización, a cal non chegou a recibir desde a súa reclamación en 2013. 

A sentenza fai referencia a unha petición que, con posterioridade, en 2018, o parlamentario actualmente do Grupo Común da Esquerda realizou ante o presidente da Cámara, Miguel Santalices, ante o que denomina "ocultación sistemática de información da fusión e posterior privatización". 

Tal e como sinala a sentenza, a Xunta é "condenada por vulnerar o artigo 23 da Constitución", é dicir, por "obstruir o labor da oposición sistematicamente", en palabras de Antón Sánchez, quen ironizou coa defensa da Carta Magna que "tanto di que fai" o Partido Popular.
 
Sánchez denunciou a "ocultación" de información na "maior estafa económica aos galegos, que viron como o 40 por cento dos seus aforros quedaron en mans dun banco estranxeiro e foron vendidos a prezo de amigo". Ademais, a comisión de investigación que se iniciou en 2012 nunca chegou a pecharse cun ditame no Parlamento de Galicia, aínda que varios exdirectivos foron condenados polas indemnizacións millonarias recibidas antes da desaparición das caixas e a súa fusión. 

"Agora vemos as consecuencias dun negocio que lle saíu gratis a un banco, que reporta millonarios beneficios ano tras ano grazas ás decisións políticas tomadas por Núñez Feijóo e polo PP", apunta Sánchez. 

A sentenza dá por probado que a Xunta "ocultou información transcendental no proceso durante anos" e obriga á Administración autonómica a entregar de inmediato a Antón Sánchez os documentos solicitados ou, no seu caso, facilitar o seu acceso a eles. 

Por iso, Sánchez esixe que esta documentación se entregue "antes das eleccións", para que "se coñeza realmente o ocorrido e como se chegou á privatización do aforro galego". 

Antón Sánchez informará publicamente sobre as actuacións que levará ao cabo nunha comparecencia pública que terá lugar o vindeiro xoves. 

RESPOSTA DA XUNTA. Tras coñecer a condena do TSXG, a Xunta alegou que o atraso na documentación "non é esaxerado". Nunha resposta ofrecida aos medios, sinala que a Xunta "respecta sempre as resolucións xudiciais" e defende que, neste caso, non deixa de ser unha "estimación parcial" de todo o recurso presentado polo aínda parlamentario, que viu "vulnerados os seus dereitos" constitucionais, segundo a propia sentenza do TSXG. 

Así, a Administración autonómica recoñece que o deputado tiña "á súa disposición a maior parte da documentación que estaba a reclamar", pero non dous informes que reclamara desde 2013 e que, debido a que non foron facilitados, decidiu levar á Xustiza en setembro de 2018. 

O artigo 9 do regulamento do Parlamento dá a posibilidade a todos os deputados da Cámara de solicitar unha información á Xunta que debe ser remitida, obrigatoriamente, no prazo dun mes, ou polo menos contestada en caso de non ser posible. Esta documentación, unha vez denunciado ante a Xustiza foi respondida parcialmente en novembro. 

A investigación das caixas iniciouse fai sete anos na Cámara autonómica, pero nunca chegou a pecharse, xa que o informe que debía recoller as actuacións da investigación —as cales podían ser obxecto de envío á Xustiza— non se chegaron a presentar. 

A Consellería de Facenda, entón dirixida por Marta Fernández Currás, enviou ao Parlamento 34 caixas coa documentación solicitada polos deputados da Cámara, as cales se depositaron na coñecida como sala do Estatuto, que se converteu nun local a porta pechada para a consulta da documentación. "Por tanto, a actuación da Xunta non supuxo en ningún momento un obstáculo para que o deputado puidese exercer as súas funcións", asegurou este martes nun comunicado. 

O Goberno galego "tampouco entende que o atraso na entrega de documentación supuxese como tal unha vulneración dos seus dereitos fundamentais". "O atraso non é esaxerado, senón que se encadra nunha marxe razoable", considera a Xunta, en referencia á petición de 2018. 

"Hai que ter en conta que a Administración autonómica recibe un elevado número de peticións do Parlamento de Galicia e o prazo que fixa o regulamento é moi exiguo", sentenciou.

A Xunta, condenada por non facilitar información sobre a fusión das...
Comentarios