A Xunta declara BIC as estatuas do Pórtico da Gloria en mans do Franco

A familia do ditador deberá abrilas ao público
Pórtico da Gloria. EP
photo_camera Pórtico da Gloria. EP

O Goberno galego aprobou este venres a declaración de ben de interese cultural (BIC) a nove esculturas do Pórtico da Gloria atribuídas ao taller do Mestre Mateo, entre as que se atopan as estatuas dos profetas Abraham e Isaac --ou Jeremías e Ezequiel--, propiedade dos herdeiros do ditador Francisco Franco. 

En rolda de prensa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou que aínda que esta distinción "non afecta á titularidade" deste patrimonio, os propietarios deberán habilitar un réxime de visitas de como "mínimo catro días ao mes".

 Neste sentido, e tras a experiencia do ocorrido co Pazo de Meirás cando tamén foi declarado BIC, advertiu que a Administración galega "actuará en consecuencia" se non se cumpre a "obrigación" de abrir as estatuas ao público. "A partir de hoxe --este venres-- nace a obrigación", sinalou, aínda que despois apelou a ser "respectuosos con todos" para dar cumprimento a este deber.

Os propietarios deberán habilitar un réxime de visitas de como "mínimo catro días ao mes"

No entanto, a distinción de BIC non influirá no proceso xudicial que abriu o Concello de Santiago en novembro de 2018 contra a filla do ditador, Carmen Franco, pola titularidade das esculturas. Tras a morte da descendente directa de Franco en decembro, a demanda dirixiuse contra os seus fillos.

 Así, en febreiro deste mesmo ano o Xulgado de Primeira Instancia Número 41 de Madrid fallou que a familia do ditador era a lexítima propietaria das esculturas, decisión que o Consistorio compostelán decidiu recorrer.

"PROTECCIÓN MÁXIMA" ÁS ESTATUAS. Feijóo insistiu en que, ante a xudicialización desta circunstancia, o que corresponde agora é "esperar á sentenza". En calquera caso, o aprobado este venres pola Xunta dota de protección "máxima desde o punto de vista cultural" a ambas as estatuas.

Máis aló da demanda contra o Franco, hai outras sete esculturas que están ou en mans de particulares ou forman parte do patrimonio de institucións públicas como o Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra. Todas elas teñen unha cronoloxía comprendida entre os anos 1188 e 1211. 

A inscrición destas obras do Mestre Mateo no rexistro de BICs de Galicia realizarase, tal e como sinalou en presidente galego, "individualmente" e non como colección "dada a súa diversidade de orixe". 

Ademais, Feijóo informou de que a tramitación do expediente non recibiu alegacións no período de información pública e que contou con informes favorables da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, do Consello da Cultura Galega e do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento. 

Comentarios