A Xunta destina 85,6 millóns de euros ao Xacobeo

Tamén crea un "seguro coronavirus" para os gastos de viaxeiros infectados
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta. EFE
photo_camera Alfonso Rueda. EFE

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que se destinarán 85,6 millóns ao Xacobeo 2021 entre todos os departamentos do Goberno galego. 

Na presentación dos orzamentos en comisión parlamentaria, informou da liña mestras do seu departamento -que abarca competencias en xustiza, turismo, urxencias e exteriores, entre outras-, que superan os 392 millóns, un 12,5% máis. 

Entre as novidades que expuxo atópase a creación un "seguro coronavirus", que permitirá cubrir gastos sanitarios, de transporte e aloxamento para un viaxeiro e acompañante en caso de contaxio. Unha medida coa que se busca dar "tranquilidade" aos que visiten Galicia ao dar cobertura tamén á súa estancia se ten que facer corentena. 

Do total de 85,6 millóns de euros para o Xacobeo, a área da Vicepresidencia primeira achega 61,7 millóns, mentres que o resto chega de diferentes consellerías. 

Nesta partida do Xacobeo resérvanse case 38 millóns para a programación

Respecto diso, o vicepresidente recoñeceu que hai que afrontar o Xacobeo con realismo xa que "non vai ser nos primeiros meses o que estaba previsto", pero apunta que se debe estar "preparados" para cando a situación se vaia normalizando".

MÁIS DE 200 ACTIVIDADES. Nesta partida do Xacobeo resérvanse case 38 millóns para a programación -presentarase proximamente-, que inclúe máis de 200 actividades, coa previsión de que non pode haber grandes movementos de masas". 

Nesta liña, avanzou que se prepara unha "gran campaña" de promoción do próximo ano xacobeo -con 7,9 millóns-, pero se esperará á mellor evolución da pandemia para os "grandes impactos publicitarios". 

Ademais, o vicepresidente queixouse de que o Xacobeo "merece unha implicación moito maior" do Estado. Contrapón a ausencia de partidas nos PGE para o Ano Santo cos 20 millóns que o Goberno dedica ao convenio de capitalidade de Barcelona. 

Terminarán as obras no Camiño de Inverno, mentres que se porán en marcha seis albergues en: Vilasantar, O Saviñao, A Gudiña, Oseira, Sobrado dous Monxes e Vigo

Xunto a isto, vaise a promover Galicia como un destino seguro a nivel sanitario en 2021, pero tamén se reserva un millón de euros para un plan de seguridade da Catedral e a súa contorna en previsión de que volvan as "aglomeracións" no futuro. 

Terminarán as obras no Camiño de Inverno, mentres que se porán en marcha seis albergues en: Vilasantar, O Saviñao, A Gudiña, Oseira, Sobrado dous Monxes e Vigo. Iniciaranse obras en albergues de Piñor e Friol.

PLAN DE CHOQUE PARA O TURISMO. Unha das cuestións sobre as que fixo fincapé Rueda foron os 35,7 millones que se consignan para un plan de choque para o plan de choque no sector turístico. 

O bono turístico ampliarase máis aló de sanitarios, tras unha posta en marcha "acertada" ao ter 19.000 peticións xa tramitadas da cota de 20.000. Falarase con deputacións e concellos que se queiran adherir, á vez que se abrirá a empresas que queiran dar un incentivo aos seus traballadores. 

En total, a Axencia de Turismo de Galicia contará cun orzamento de 112,5 millóns, que rexistra o maior incremento nas contas

Outro punto ao que se referiu é que haberá cribados selectivos para persoal de hostalería e que traballa en relación co turismo. 

En total, a Axencia de Turismo de Galicia contará cun orzamento de 112,5 millóns, que rexistra o maior incremento nas contas (+52,3%).

MODERNIZACIÓN DA XUSTIZA. O ámbito da xustiza leva 164,2 millóns (+4,5%), con máis de nove millóns para acabar a Cidade da Xustiza de Vigo no primeiro semestre de 2021. 

Tamén haberá un novo edificio xudicial da Estrada, mentres se redactará o proxecto da nova sede central do Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga) -coa súa construción a partir de 2022-. Modernizaranse salas de autopsias nos diferentes partidos xudiciais para que teñan a máxima cualificación de bioseguridad e poidan facer traballos en relación co covid. 

O plan de reactivación da xustiza contará con 2,5 millóns para reforzos e prolongación de xornada ante os atrasos debido ao coronavirus

Haberá unha aposta pola dixitalización, cunha maior rede de videoconferencias e case un centenar de salas de vistas dixitais. Igualmente, dotaranse as 24 prazas de funcionarios dos tres novos xulgados do social da Coruña, Vigo e Lugo. 

O plan de reactivación da xustiza contará con 2,5 millóns para reforzos e prolongación de xornada ante os atrasos debido ao coronavirus. Ademais, apoiarase a nova carreira profesional en xustiza.

URXENCIAS E OUTROS TEMAS. Entre outros temas, as contas teñen 14 millóns para a renovación de infraestruturas administrativas -nun plan de 50 millóns para a lexislatura-. Algunhas actuacións serán obras de mellora térmica en San Caetano e reforma no interior do complexo compostelán, así como a construción dun novo edificio en Ourense. 

En materia de urxencia hai 31,5 millóns para 2021. Inclúe a reserva dunha partida de 1,2 millóns para os procesos de comarcalización de parques de bombeiros, á espera do que suceda coa limitación do Estado sobre a reposición de efectivos. 

Haberá 800.000 euros para a creación cinco novos GES e un servizo municipal de urxencias. Resérvanse 3,3 millóns para equipos de diferentes corpos. 

O Fondo de Cooperación Local rexistra unha caída ata os 127 millóns, aínda que sinalou que "algúns representantes" da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) descartaron facer suxestións". O orzamento para cooperación exterior sobe un 12%. 

Por outra banda, a campaña de erradicación da velutina conta con 1,8 millóns. Son 292 concellos adheridos, á vez que hai oito en lista de espera.