A Xunta de Galicia concede axudas por preto de 1,2 millóns de euros a 43 concellos e 70 particulares para acometer 113 accións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo do Camiño de Santiago.
Esta liña de subvencións enmárcase no Plan de Embelecemento da Ruta Xacobea e, en virtude da mesma, o Goberno galego financiará o 75% das intervencións propostas polos beneficiarios, entre as que figuran actuacións en elementos que xeren un impacto visual nos distintos itinerarios ou a restauración de bens do patrimonio etnográfico galego.
As axudas están divididas en dúas categorías en función do solicitante. No caso da primeira, dirixida ás entidades locais, o Goberno achegará preto de 580.000 euros para financiar actuacións en 43 concellos polos que discorre algún tramo do Camiño.
No caso da segunda liña, destinada a persoas físicas e xurídicas titulares dalgún elemento situado na ruta xacobea, a Xunta destinará preto de 600.000 euros para financiar accións propostas por 70 particulares das catro provincias galegas.
Xunto con esta liña de axudas, o Plan de embelecemento da Xunta inclúe un proxecto piloto realizado en colaboración coa Fundación Juana de Veiga e que permitiu analizar e propor solucións de mellora paisaxística para 45 puntos situados na ruta.
Esta iniciativa, que contou co asesoramento da Escola Galega da Paisaxe, incluíu a elaboración dun manual de boas prácticas neste campo, que servirá como referencia nas actuacións financiadas ao amparo desta liña de axudas.