A Xunta e Google crearán unha canle de contidos sobre o Camiño de Santiago

O obxectivo é divulgar a riqueza cultural da Ruta Xacobea
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library

A Xunta de Galicia e Google colaborarán na difusión e promoción internacional do Camiño de Santiago coa creación dunha canle de contidos que divulgue a riqueza cultural da ruta xacobea na súa condición de Patrimonio Mundial da Unesco.

O Goberno galego informou nun comunicado de que esta iniciativa foi anunciada durante a reunión telemática do Consello Xacobeo celebrada este luns, na que Galicia invitou o resto de comunidades a sumarse a este proxecto.

Trátase dunha canle que se abrirá na plataforma Google Arts&Culture e que contempla a creación de exposicións interactivas, a dixitalización a gran escala de varios Camiños e dunha selección de monumentos e bens de interese cultural coa tecnoloxía Street View.

Este foi un dos temas abordados na Comisión Executiva do Consello Xacobeo, celebrada este luns a petición de Galicia e que serviu para avanzar na posta en común de medidas para a reactivación do Camiño de Santiago de xeito coordinado a nivel estatal.

Neste sentido, a Xunta indica que atopou consenso na súa proposta de crear un protocolo de medidas sanitarias específico para o Camiño, que se desenvolverá a través do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

Desde Galicia expúxose o traballo en marcha co obxectivo de impulsar o Xacobeo 2021 como un elemento de reactivación económica

Tamén informa de que se coincidiu na petición galega de ampliar as desgravacións fiscais polo Ano Santo durante todo o 2022, unha medida que ata agora abarca só ata o 30 de setembro de 2021, e que estimularía os recursos privados e multiplicaría a súa repercusión, tal e como explicaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, como representantes da Xunta.

Igualmente, anunciaron a posta en marcha dunha nova iniciativa que permitirá mellorar as destrezas comunicativas en idiomas dos profesionais que traballan no Camiño, polo que se ofrecerán conversacións online con peregrinos de distintas partes do mundo que, ademais de mellorar as competencias lingüísticas, farán posible intercambiar experiencias.

Desde Galicia, engade a Xunta, expúxose o traballo en marcha co obxectivo de impulsar o Xacobeo 2021 como un elemento de reactivación económica. Entre as iniciativas, figura a creación dun grupo de expertos, que se reunirá por primeira vez esta mesma semana e estará composto por membros de asociacións de amigos do Camiño, a Igrexa ou a Administración local, ademais de expertos do ámbito económico, cultural e turístico de Galicia, entre outros.

Ademais, o Goberno autonómico traballa xa coa Universidade de Santiago, a través do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega), na elaboración dun estudo sobre o impacto da crise sanitaria no Camiño. 

Comentarios