miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

A Xunta informa de axudas de ata 3.000 euros para facer fronte ao Covid-19

Juan Cividanes. ARQUIIVO
Juan Cividanes. ARQUIIVO
Os beneficiarios son pemes e autónomos

O director do Igape, Juan Cividanes, e a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, destacaron este venres o compromiso que están a demostrar os establecementos comerciais galegos, e en xeral os autónomos e as pemes, coa reactivación económica e a protección da saúde de clientes e traballadores. 

Durante un encontro por videoconferencia, os representantes da Xunta informáronlles aos comerciantes das novas liñas de axudas Reactiva Comercio e Servizos Seguros, que vén de pór en marcha a Xunta para facilitar a volta á actividade dos sectores do comercio, o turismo, os servizos e o transporte, en condicións de confianza para os consumidores. 

Como subliñou o director do Igape, estas dúas iniciativas, dotadas con 16 millóns de euros, nas que colaboran as consellerías de Economía, Cultura e Infraestruturas, teñen como obxectivo cubrir os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección, a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas, a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección. 

No encontro, a directora xeral de Comercio fixo fincapé en que os Reactiva Comercio e Servizos Seguros serven tanto para atender aos gastos das medidas que se implanten agora como as xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. 

Conde sinalou que as emprendedoras e autónomas galegas teñen que seguir liderando a actividade profesional

Así, os establecementos comerciais, empresas do sector turístico e barberías de menos de 10 traballadores poden obter apoios polo 100% das medidas activadas, desde 300 a 1.200 euros. Doutra banda, as pemes de menos de 50 traballadores, tanto destes sectores como do transporte, os servizos e as actividades profesionais, poden beneficiarse de apoios directos do 80% do custo das medidas de seguridade precisas, desde un mínimo de investimento de 1.500 euros ata un máximo de 3.750, sendo, polo tanto, a axuda máxima de 3.000 euros.

TALENTO FEMININO. Por outra banda, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, destacou este venres en Lugo a aposta da Xunta polo talento das mulleres para conseguir unha Galicia máis feminina. 

O conselleiro participou nun networking do programa autonómico 'Son Executiva', no que 400 mulleres melloran as súas habilidades, a través da formación, para pór en marcha ou reforzar os seus proxectos empresariais. A iniciativa diríxese tanto as directivas, profesionais con experiencia e empresarias en activo, como a mulleres que acaban de obter o seu título universitario ou de FP. 

Na súa intervención, Conde sinalou que as emprendedoras e autónomas galegas teñen que seguir liderando a actividade profesional para contribuír á reactivación económica. Para iso, incidiu na importancia de fortalecer a posta en marcha de medidas encamiñadas a rebaixar a brecha salarial, potenciar a presenza feminina en postos de responsabilidade e facilitar a conciliación. 

O titular de Economía puxo en valor o talento feminino galego recordando que 1 de cada 3 postos directivos en Galicia están ocupados por mulleres e que cerca do 60% da actividade emprendedora está encabezada por iniciativas impulsadas por mulleres. Así mesmo, resaltou que Galicia conta coa maior porcentaxe de autónomas de todo o país (41,2%). 

A Xunta informa de axudas de ata 3.000 euros para facer fronte ao...
Comentarios