A Xunta pedirá ao Goberno ampliar ata outubro as visitas ás Illas Atlánticas

Parque Nacional das Illas Atlánticas. ADP
photo_camera Parque Nacional das Illas Atlánticas. ADP

A Xunta solicitará ao Goberno autorización para ampliar un mes máis, ata o 15 de outubro, a tempada alta no Parque Nacional das Illas Atlánticas, o que permitiría realizar visitas turísticas ata esa data.

A proposta, que parte das navieras que se encargan do transporte de pasaxeiros ás illas que integran este parque nacional, será trasladada ao Executivo central ao ser un espazo natural que goza da categoría de parque nacional.

A tempada de acceso ás illas, que está regulada polo plan reitor de uso e xestión do parque, establece que, ademais da Semana Santa, as visitas poden realizarse entre o 15 de maio e o 15 de setembro.

A intención é que o Goberno autorice estendela un mes máis, o que, segundo o sector, permitiría unha recuperación "parcial" de ingresos e actividade para estas navieras, que, nestes momentos, atravesan unha situación "crítica" pola pandemia do coronavirus.

Habilitarase un novo pantalán na illa de San Simón para mellorar a seguridade

Esta proposta, que as empresas trasladaron nunha reunión cos conselleiros de Medio Ambiente e Turismo --Ángeles Vázquez e Román Rodríguez--, estará condicionada en todo caso polo proceso de desescalada que fixe o Executivo central.

De contar co informe positivo do Goberno, a autorización final dependería dun acordo no seo do Centro de Coordinación Operativa que activou a Xunta ante a alerta sanitaria e das garantías de que protexan os valores naturais do parque.

Nesta mesma reunión, a Xunta avanzou ás navieras que se prevé habilitar un novo pantalán na illa de San Simón, para reforzar a seguridade nas manobras de atracada e a accesibilidade dos visitantes.

Comentarios