A Xunta prevé que "saian á luz" casos de malos tratos tras o confinamento

Alfonso Rueda recorda que continúan activos todos os recursos para as vítimas
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta. EFE

A Xunta prevé que, tras o período de confinamento, "saian á luz" casos de violencia de xénero que non se están denunciando nestes momentos e para os que, recordou, continúan activos todos os recursos para as vítimas, tamén en estado de alarma.

Así o indicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras manter este martes unha reunión por videoconferencia con representantes dos Centros de Información á Muller de Galicia (CIM), na que tamén participou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, ademais doutros profesionais destas entidades.

Tal e como destacou o vicepresidente, os Centros de Información á Muller son de titularidade municipal e "son o primeiro recurso ao que acoden moitísimas mulleres, non só para a demanda de información, se non, en moitos casos, cando están a sufrir violencia de xénero".

A Xunta financia o seu mantemento todos os anos e, en concreto, en 2020 esta liña de axudas ascende a 4,4 millóns de euros, cun investimento que supera os 39,5 millóns de euros se se computa desde 2009.

En Galicia hai funcionando actualmente un total de 82 CIM en distintos puntos da Comunidade, centros que, ante a situación de urxencia sanitaria pola pandemia de coronavirus, están a funcionar e prestando e prestando atención por vía telefónica e telemática, e incluso ofrecendo atención presencial naqueles casos de maior gravidade.

Por iso, o vicepresidente fixo un chamamento ás mulleres que poden estar a sufrir violencia de xénero durante o confinamento e animounas "a denunciar". "Que saiban que a Xunta de Galicia axudaralles e dará recursos para que teñan un sitio a onde ir e non teñan que estar confinadas co seu agresor", explicou.

Rueda admitiu que lle consta que hai situacións que non se están denunciando durante este período, pero que "cando acabe o confinamento necesitarán ser atendidas, porque sairán " luz . "Por iso, xa estamos a falar cos CIM para prever esta situación e estar preparados para atender ás vítimas", subliñou.

Plan de reforzo

A Xunta puxo en marcha, desde o primeiro momento de urxencia sanitaria, un Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia de xénero.

Este Plan inclúe, entre outras medidas, a ampliación do bono aluguer social para as vítimas de violencia de xénero, ata poder asumir a Xunta o pago do 100% do aluguer, para paliar o impacto económico que o estado de alarma poida ter sobre as vítimas.

Ademais, mantéñense totalmente operativos os centros de acollida ata completar capacidade e, en caso de necesitarse máis prazas, habilitáronse vías alternativas, como a posibilidade de usar hostais ou pensións dentro do acordo coas Federacións de empresas hostaleiras; ou as instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública.

En todos estes casos constituiríanse grupos de intervención e apoio psicolóxico, social e de asesoramento xurídico e o traslado das vítimas facilitarase mediante a colaboración coa Federación Galega do Taxi.

Ademais, tamén se acordou reforzar a colaboración coa Rede galega contra a trata para atender situacións de especial vulnerabilidade causadas pola crise do coronavirus e mantense activo o servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900 400 273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que entran a través do 016.

Comentarios