Sábado. 20.10.2018 |
El tiempo
Sábado. 20.10.2018
El tiempo

Xunta e sindicatos acordan unha subida lineal de soldo para os docentes galegos

Rapaces e rapazas nunha clase. DAVID FREIRE
Rapaces e rapazas nunha clase. DAVID FREIRE

CC OO, UXT e Anpe propoñen aumentos de entre 130 e 135 euros, mentres a CIG pide 200 e unha "negociación global" de condicións laborais 

A Consellería de Educación e os sindicatos con representación na mesa sectorial do ensino non universitario (CC OO, UXT, CIG e Anpe) comezaron este mércores as negociacións para revisar os salarios dos docentes galegos e acordaron unha subida lineal que os sitúe en torno ao sexto posto do Estado entre os que máis cobran. Tanto a Administración autonómica como as organizacións coincidiron en que a subida de soldo terá que ser lineal, é dicir, igual para o catro corpos docentes —mestres, profesorado técnico de FP, de Educación Secundaria e catedráticos non universitarios—. 

Así mesmo, ao termo das negociacións, que continuarán o vindeiro martes día 22 de maio, tres do catro sindicatos —UXT, CC OO e Anpe— puxeron enriba da mesa un aumento de 130 euros mensuais (aínda sen prazo de aplicación) e unha cláusula de revisión do acordo. Pola súa banda, a CIG elevou esta cifra até os 200 euros. 

Na actualidade, segundo os sindicatos, os docentes galegos sitúanse entre os undécimos e os décimo terceiros no ranking nacional, mentres que a Xunta alega que están "moi preto da media estatal". En declaracións aos medios, o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, non avanzou ningunha contía até a cal está disposto a chegar o seu departamento, aínda que UXT, CC OO e Anpe falaron de subidas de entre 130 e 135 euros mensuais. 

Queremos que sexa algo rápido, serio e que se vexa na nómina dos compañeiros canto antes

En todo caso, Pinal insistiu no "interese" da Xunta en "escoitar o que propoñen os sindicatos" para situar a Galicia nunha posición "na liña dos acordos alcanzados en 2003 e 2006", é dicir, "en torno ao sexto posto".

"NEGOCIACIÓN GLOBAL". Pola súa banda, o secretario de CIG Ensino, Suso Bermello, asegurou que "está moi ben falar de postos na táboa", pero matizou que "o normal sería abrir unha negociación global", que inclúa a recuperación de condicións laborais e das pagas extra, que cifrou ao redor de 6.300 euros por docente. Neste sentido, criticou que o diálogo coa consellería está "absolutamente cortado e lastrado" por unha mesa "na que non se pode negociar nada" que non sexa a homologación das retribucións coas doutras comunidades. 

"Para nós, o que pretende a consellería é condicionar un acordo a unhas regras de xogo coas que non estamos de acordo", expresou Bermello para, a continuación, criticar os "recortes brutais" que sufriron os docentes desde 2009. Por iso, a central nacionalista elevou a súa proposta até os 200 euros. 

Ademais, o representante de CIG-Ensino lembrou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "comprometeuse, en datas previas ás eleccións autonómicas de 2016, a pactar un calendario de devolución" desas cantidades e das condicións de traballo. "Pasaron as eleccións e aquí estamos", censurou. 

Así mesmo, suxeriu aos demais sindicatos e á Administración autonómica "non ter en conta o día de hoxe" nas negociacións, "senón o que perderon todos estes anos e a situación na que van quedar" os profesores despois da homologación. E é que, segundo asegurou Bermello, "en datas próximas haberá acordos noutras comunidades" que, previsiblemente, podería facer que o profesorado galego volva baixar no ranking.

NO PRIMEIRO TERZO DA TÁBOA. Durante a súa intervención, o portavoz de CC OO na mesa, José Fontes, dixo "valorar moi positivamente" a apertura das negociacións e insistiu en situar ao profesorado da comunidade galega "no primeiro terzo" da táboa. 

Igual que a CIG, CC OO quixo "deixar claro que hai unha serie de condicións que hai que negociar", pero, a diferenza da postura de Bermello, descartou "condicionar a negociación da homologación a outras cuestións relacionadas coas condicións laborais do profesorado". Neste sentido, a responsable de educación de UXT, Paula Carreiro, subliñou que a devolución destes dereitos "non é tema a tratar" na mesa aberta este mércores porque consideran "que é unha restitución de dereitos que xa tiñan e polos que non hai nada que negociar". 

En canto á homologación salarial, Carreiro declarou que UXT "quere ser unha organización sindical seria" e, por iso, "o único que van tratar será a equiparación salarial" con outras comunidades. "Queremos que sexa algo rápido, serio e que se vexa na nómina dos compañeiros canto antes", sentenciou.

"FACER UNHA FEIRA" DA MESA. Pola súa banda, o portavoz de Anpe, Julio Díaz, asegurou que, aínda que "todos teñen un calendario reivindicativo", a súa organización "non quere viciar a negociación introducindo temas que ao final non levan a ningunha situación".  Así, descartou "facer unha feira" da mesa sectorial e pediu á Xunta que propoña "solucións". "Querémolas xa e queremos que os profesores vexan na nómina que os seus representantes conseguen acordos", finalizou. 

Xunta e sindicatos acordan unha subida lineal de soldo para os...
Comentarios