A Xunta subsidiou a 583 vítimas de violencia machista en 2018

As axudas foron percibidas por un total de 4.338 mulleres desde o ano 2006, cun incremento paulatino nos fondos destinados ás mesmas.

636976647959595620w
photo_camera 636976647959595620w

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, presentou este martes os datos do informe de prestacións económicas periódicas concedidas pola Xunta de Galicia a mulleres vítimas de violencia de xénero para os anos 2017 e 2018, que no pasado exercicio de 2018 beneficiaron a un total de 583 afectadas.

En total, estas axudas que o Goberno galego concede desde o ano 2006 foron percibidas por 4.338 mulleres, cun incremento paulatino nos fondos destinados ás mesmas que provocou que o orzamento da primeira partida, apenas superior ao millón de euros, alcance xa no presente 2019 unha cantidade por encima dos cinco millóns, sempre con fondos "propios da Comunidade autónoma de Galicia".

Do mesmo xeito, engadiu López Abella, a porcentaxe de concesións sobre o total de solicitudes "incrementouse exponencialmente" co paso dos anos e alcanzou o pasado exercicio unha cifra do 78%.

Así mesmo, indicou que o número de solicitudes rexistradas non segue unha evolución constante, senón que funciona como "un dente de serra" que alterna baixadas e repuntes.

Na repartición xeográfica, a provincia que desde 2006 acapara maior número de axudas é a da Coruña, co 40% do total, seguida de cerca por Pontevedra -un 36%- e por Ourense -13,9%- e Lugo -11,2%- a maior distancia.

Respecto dos últimos datos, relativos ao exercicio de 2018, a secretaria xeral de Igualdade apuntou que "cada vez se denuncia máis" e que iso provocou que este fose o ano con maior número de concesións, as 583 mencionadas, nas que a condición de vítima foi acreditada maioritariamente en base a medidas xudiciais e nas que tamén se contabilizaron seis casos de vítimas de trata con fins de explotación sexual.

Practicamente dúas terceiras partes das perceptoras destas rendas teñen menos de 46 anos e unha ampla maioría conta cun ou varios fillos ao seu cargo.

En canto á situación laboral, o 84% das mulleres perceptoras (490 totais) destas axudas achábanse en situación de desemprego, razón pola que a Xunta puxo en marcha -explicou López Abella- unha convocatoria destinada a entidades sen ánimo para favorecer a súa inserción laboral.

Os datos de 2017 ofrecen un maior desglose noutras categorías e mostran que, nese ano, menos do 20% das beneficiarias destes subsidios eran de orixe estranxeira, algo que, tal e como recalcou a responsable de Igualdade, contradi o tópico que moitas veces se lle carga a estas axudas.

De igual forma, sinalan que practicamente dúas terceiras partes das perceptoras destas rendas teñen menos de 46 anos e que unha ampla maioría conta cun ou varios fillos ao seu cargo, o que "supón un incremento importante nas axudas periódicas que se conceden".

Estes foron os principais datos extraídos dunha comparecencia na que López Abella fixo fincapé na importancia destas rendas dirixidas "a posibilitar a autonomía e a independencia económica" das mulleres respecto dos seus agresores para "axudalas a romper coa súa situación de violencia".

Na súa exposición, destacou o compromiso do Goberno galego cunhas axudas que -recordou- en moitos casos provocan que a Administración autonómica teña que levar a cabo ampliacións de crédito para poder cubrir o número total de solicitudes.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN. A resposta dos grupos da oposición foi máis morna, xa que lle esixiron á Xunta un maior compromiso con este tema e, en palabras de Paula Quinteiro, de En Marea, tamén "unha reflexión máis ampla sobre moitos dos datos que aquí se expoñen".

"Parécenos importante tamén profundar nas causas das axudas que se denegaron", declarou Quinteiro, que apreciou "diferenzas moi significativas" no número de acreditacións xudiciais da condición de vítima entre as provincias da cornixa atlántica e as do interior, razón pola que considerou "necesario facer un maior esforzo" por concienciar sobre este tema en Lugo e Ourense.

Á súa vez, María Pierres, do PSdeG, considerou que "o número real de vítimas -de violencia machista- está silenciado", dado que apenas o 20% de mulleres falecidas "denunciara aos seus agresores", o que a levou a dicir que o Goberno galego debe implicarse máis para sacar á luz estes casos.

"É importante seguir empoderando ás mulleres vítimas para que denuncien", sostivo Pierres, que tamén defendeu "facilitar" o acceso ás axudas e reformar condicións das mesmas como cesar a convivencia co maltratador con doce meses de antelación.

Pola súa banda, Olalla Rodil, de BNG, asegurou que os datos presentados esta mañá dan, anos despois, a razón ao seu partido, que en 2013 criticaba un recorte do 25% na partida destinada a estas axudas que a Xunta negaba por activa e por pasiva e que hoxe queda "negro sobre branco".

Do mesmo xeito, avogou porque as axudas abarquen maiores tramos de renda, tendo en conta do alto custo dos alugueres e da vida en varias cidades galegas; ademais de pedirlle á Xunta que profunde "un pouco máis no perfil das mulleres beneficiarias" destes subsidios para "intentar facer unha fotografía xeral" das mesmas.

Comentarios