O xurado deixa ao Chicle ás portas da prisión permanente revisable

Ven culpable a Abuín Gey de rapto e asesinato, pero non poden probar a violación
Abuín Gey, durante a lectura do veredicto do xurado. EFE
photo_camera Abuín Gey, durante a lectura do veredicto do xurado. EFE

José Enrique Abuín 'O Chicle' raptou a Diana Quer na Pobra do Caramiñal para levala á forza á nave de Asados (Rianxo), onde abusou dela sexualmente (aínda que non se probou que consumase a violación), asasinouna e arroxou o seu cadáver ao pozo. Estes tres delitos son suficientes para que O Chicle poida ser condenado a prisión permanente revisable, como reclaman a fiscalía e a acusación particular. Así o determinou o veredicto dos cinco homes e catro mulleres que compoñen el xurado popular encargados de xulgar o caso máis soado do último lustro en Galicia, tras case 4 días (90 horas) nos que argumentaron unha por unha as 26 preguntas do obxecto de veredicto, tendo que reforzar os fundamentos dalgunhas delas este venres, a petición tanto do presidente do xurado como as partes. As que máis dúbidas sementaron foron as relativas á existencia de violación, que son precisamente as que deixan ao Chicle ás portas da prisión permanente revisable, a expensas da sentenza que nuns días emitirá o presidente do tribunal, o maxistrado Ángel Pantín.

O xurado tivo en conta, como indicios probatorios, a brida que apareceu enredada no pelo de Diana (considerada a arma do crime), que o cadáver estivese completamente espido e que o teléfono do procesado situáseo entre as 3.09 e as 4.09 na nave de Asados, ademais das súas constantes contradicións e mentiras como o lugar onde se atopou a Diana (de novo delatado polo GPS do seu móbil, que o empraza no paseo do Areal, onde non puido estar a roubar gasoil porque non había ningún camión alí), que acabase coa súa vida apertándoa coas súas propias mans en apenas 10 segundos (cando os forenses estimaron unha morte por asfixia nuns 5 minutos) ou o feito probado, pola fauna cadavérica, de que si regresou á nave 20 días despois a lastrar o cadáver, algo que sempre negou e que xoga o papel de agravante.

Así as cousas, todo apunta a que O Chicle pasará o resto dos seus días en prisión salvo que, nalgún momento, os psicólogos de prisión decidan que está apto para vivir en sociedade. Espérase que hoxe ou mañá abandone o cárcere de Teixeiro para ser trasladado de novo a Mansilla de las Mulas (León).

Aínda que a pena de prisión permanente revisable implicaría xa de seu unha estancia indefinida no cárcere, cabe recordar que tamén ten pendente o cumprimento da condena de 5 anos polo intento de rapto e de agresión sexual de Boiro o día de Nadal de 2017 (o caso que desencadeou a súa detención polo caso Quer). E no seu horizonte xudicial tamén figura a investigación, reaberta crecentemente, pola presunta violación á súa cuñada Vanesa en 2005.