Xustiza insta ao alcalde popular de Beade a retirar os símbolos franquistas

Memoria Histórica require a Senén Pousa, rexedor do municipio ourensán desde 1974, que cumpla coa normativa

O alcalde de Beade, Senén Pousa. EFE
photo_camera O alcalde de Beade, Senén Pousa. EFE

O Ministerio de Xustiza do Goberno, a través da Dirección Xeral para a Memoria Histórica, requiriu ao alcalde de Beade, Senén Pousa (PP), rexedor da citada localidade ourensá desde 1974 e coñecido por ter símbolos franquistas no seu despacho, que cumpra a lexislación e proceda á "retirada" de calquera tipo de escudo, insignia, placa, obxecto ou mención conmemorativas" que exalte a ditadura.

Nun requirimento asinado este xoves e que deu a coñecer nun comunicado o PSdeG ourensán, o director xeral para a Memoria Histórica, Fernando Martínez, reclama ao primeiro edil que acredite "a non existencia de simboloxía de exaltación no seu municipio, e para o caso de que a houbese, proceda a dar cumprimento á Lei 52/2007, elaborando o catálogo de vestixios municipal, coa súa inmediata retirada dos escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación da sublevación militar e represión da ditadura".

Esta petición prodúcese despois de que o PSOE solicitase a incorporación deste concello ourensán á listaxe de localidades que aínda manteñen vestixios franquistas e que curiosamente non fora incluída. Beade é coñecido por ser un dos principais expoñentes da Ditadura franquista e aínda conta cunha rúa do Caudilllo.

Neste sentido, o Ministerio lembrou a estes concellos que a Administración tomará "as medidas oportunas", incluída a retirada de subvencións ou axudas públicas, en caso de manterse o incumprimento da Lei de Memoria Histórica. A este respecto, os socialistas denunciaron que o "rexedor insurrecto" leva "máis dunha década incumprindo a lexislación", co "consentimento e aplauso do Partido Popular" polo que o instaron a que "acate a xurisprudencia establecida polo Tribunal Supremo".

O PSdeG apunta que a Lei 52/2007 do 26 de decembro regula no seu artigo 15.1 que as Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, adopten as medidas oportunas "para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura. Entre estas medidas poderá incluírse a retirada de subvencións ou axudas públicas". 

Comentarios