Yolanda Díaz chama a Villares a "tender a man" para evitar a ruptura

Díaz afirma que "ninguén entendería" que a confluencia rompa pola "fórmula xurídica", pero EU insiste en que se reeditará a coalición

La diputada de En Marea Yolanda Díaz
photo_camera A deputada de En Marea Yolanda Díaz. AEP

A deputada de En Marea na recentemente finalizada lexislatura Yolanda Díaz fixo un chamamento "a tender a man" dirixido ao portavoz do partido instrumental, Luís Villares, de cara a evitar a división en dúas candidaturas da confluencia galega para as eleccións do próximo 28 de abril. As palabras de Yolanda Díaz, pronunciadas nunha entrevista na Radio Galega á primeira hora deste luns, chocan coas afirmacións que, horas despois, realizou a coordinadora nacional do seu partido, Eva Solla, que negou a existencia de contactos formais coa dirección de En Marea.  Así, cuestionada sobre a proposta do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, de articular unha coalición electoral que some a EU, Anova, Podemos e En Marea; Solla lembrou que o partido instrumental que lidera Villares "xa ten unha candidatura presentada" e que Esquerda Unida non recibiu "ningunha solicitude de reunión" para canalizar unha situación que, salvo sorpresa, encamiña á confluencia a dividirse en dúas listas para o próximo 28 de abril. 

"Máis que nunca toca atender os problemas da xente. O importante é o de fóra, non o de dentro. Fago un chamamento a Villares a tender a man. Teño claro que temos máis cousas que nos unen das que nos diferencian. Mirar cara a dentro co que está a chover fose paréceme unha irresponsabilidade", incidiu Yolanda Díaz este luns. Con todo, tamén na mañá deste luns, Luís Villares evitou pronunciarse sobre as palabras da exlíder de Esquerda Unida e reiterou que En Marea se presentará como forza propia o próximo 28 de abril, cita para a que propón unha alianza con outros partidos galegos "progresistas", pero unicamente para o Senado. 

Yolanda Díaz exhorta a Villares a "respectar as diferenzas" que existen no ámbito da autodenominada unidade popular, polo que convida o maxistrado lucense a "tender a man" por "este país e pola xente que o está pasando mal" que, segundo a parlamentaria, "non quere ver dividido" a En Marea. "Ninguén entendería que non fósemos xuntas porque discutimos pola fórmula xurídica", remarcou Díaz, para logo defender que a súa aposta é reeditar a fórmula de coalición de 2015 e 2016. "Aos meus veciños dálles igual que sexa un partido instrumental ou unha coalición. O único relevante é que temos que sumar, ir xuntos sabendo que somos diversos", apostilou.

EVA SOLLA DESMÁRCASE. Por contra, a sucesora de Yolanda Díaz á fronte de EU, a deputada no Parlamento galego Eva Solla, volveu a querer distanciarse de En Marea e asegura que non existiron contactos formais para a creación dunha candidatura de unidade. 
"Non recibimos ningunha solicitude de reunión", aseverou Solla, que lembrou que a aposta do seu partido é "reeditar" a coalición coa formación morada e Anova "e ver se podemos achegar máis voces", aínda que non comentou se se trata de En Marea, dos que sinalou que "xa teñen" un proceso de primarias en marcha no que só que concorren listas oficialistas de afíns a Luís Villares. 

Ademais, Eva Solla apuntou que as convencións provinciais elixirán a próxima semana aos candidatos de Esquerda Unida, entre os que á dirección lle "gustaría" que figurase Yolanda Díaz, de quen destacou o seu traballo nas Cortes "en defensa dos sectores produtivos" da comunidade. 

Comentarios