Catro estrelas da BBC aceptan un recorte de soldo para combater a brecha salarial

Así o decidiron Jeremy Vin, John Humphrys, Huw Edwards e Jon Sopel despois de que a Carrie Gracie anunciase que abandonaba o seu posto debido a esta desigualdade

Jeremy Vine. TWITTER
photo_camera Jeremy Vine. TWITTER

Catro destacados xornalistas masculinos da cadea pública británica BBC acordaron un recorte do seu soldo por mor da polémica xurdida pola desigualdade salarial entre homes e mulleres que existe na emisora.

Segundo informa este venres a BBC, Jeremy Vin, John Humphrys, Huw Edwards e Jon Sopel puxéronse de acordo na redución salarial, semanas despois de que a exresponsable da BBC en China Carrie Gracie anunciase que abandonaba o seu posto debido a esta desigualdade.

Unha investigación independente sobre a diferenza de soldos entre homes e mulleres na BBC será publicada a próxima semana.

Ao renunciar ao seu posto en Pequín, Gracie explicou que atravesaba unha "crise de confianza" debido á desigualdade de xénero, o que provocou un intenso debate no Reino Unido sobre este asunto.

En xullo pasado, a cadea fixo públicos os soldos do persoal da BBC que gañaba por encima das 150.000 libras (uns 171.150 euros) brutas ao ano, situando ao presentador Chris Evans co salario máis alto, duns 2,2 millóns de libras (2,5 millóns de euros) brutas anuais, mentres que a muller co soldo máis avultado era Claudia Winkleman, cun ingreso moito menor, de 500.000 libras (570.000 euros) brutas anuais. Con todo, na lista non apareceu o nome de Carrie Gracie porque o seu soldo era inferior ás 150.000 libras.

Os xornalistas que decidiron unha redución dos seus soldos son Jeremy Vin, presentador de Radio 2 da BBC, con ingresos duns 749.999 libras (854.998 euros) brutas anuais; John Humphrys, presentador do programa de radio Today, que gaña unhas 649.999 libras (740.998 euros) brutas anuais. Tamén Huw Edwards, presentador do telexornal da cadea, cun soldo de 599.999 libras (683.998 euros) brutas anuais, e Jon Sopel, correspondente en EE UU, con 249.999 libras (284.998 euros) brutas anuais.


Gracie ten previsto presentarse o vindeiro mércores ante o Comité de Medios de Comunicación e Deportes da Cámara dos Comúns para abordar a desigualdade salarial antes de que o faga o director xeral da BBC, Tony Hall, o seu "número dous", Anne Bulford, e a directora de noticias, Fran Unsworth.

Os directivos foron convocados polo comité parlamentario para preguntarlles as medidas que a emisora está a tomar para facer fronte a esta desigualdade salarial de xénero.

Hai unhas semanas, Gracie lamentou que a información sobre nóminas que presentou a BBC en xullo revelase non só que os presentadores e directores cobran máis que as mulleres, senón que hai unha diferenza " indefendible" entre o salario de homes e mulleres nos mesmos postos de traballo.

Comentarios