sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Ucgal e Ecoembes lanzan un concurso de fíos para fomentar a conciencia medioambiental

O prazo para participar no certame, que se realizará a través de Twitter, comeza o 25 de maio

A Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) e Ecoembes anunciaron a posta en marcha do Concurso de Fíos #HistoriasRecicladas, que nace co obxectivo de promover o coidado do medio ambiente e a economía circular.

Segundo revelan, "durante o 2019, cada galego depositou 12,9 quilos de envases de plástico, latas e bricks no contedor amarelo e 14,9 quilos de envases de papel e cartón no azul", un 10,1% e un 5,6% máis que no 2018, respectivamente, "unha tendencia que dá conta da vontade da cidadanía galega por reciclar".

Ante este panorama, o certame convida aos usuarios e usuarias a "afiar a tecla e o enxeño" para darlle forma a unha historia, totalmente orixinal, sobre a reciclaxe dos envases plásticos e de papel e cartón a través da rede social Twitter. Unha proposta coa que Ucgal e Ecoembes buscan continuar a fomentar esa conciencia medioambiental e coñecemento sobre o tratamento de residuos.

Para contextualizar a trama, que poderá estar escrita en galego ou castelán, as persoas participantes escollerán un conto clásico infantil "como, por exemplo, Carapuchiña Vermella, Os tres porquiños, Riciños de Ouro ou O traxe novo do emperador".

O fío de chíos deberá constar dun mínimo de sete publicacións e un máximo de 40. O primeiro chío, que non contará a efectos de extensión máxima, terá que levar o hashtag #HistoriasRecicladas e a mención a @ConsumidoresGal e @Ecoembes. Así mesmo, as historias poderán ir acompañadas de imaxes, gifs, vídeos, emoticonas e todos os recursos complementarios que ofrece a rede social.

Para participar no certame será necesario ter máis de 18 anos e dispoñer dunha conta persoal activa en Twitter. O prazo para publicar as propostas abrirase o vindeiro luns 25 de maio ás 00.00 horas e pecharase o 14 de xuño ás 23.59 horas.

PREMIO. A persoa que o xurado elixa como gañadora gozará dun ano de asociada á Unión de Consumidores de Galicia, desde onde atenderán as súas consultas en materia de consumo; a asesorarán con carácter previo á sinatura de contratos neste eido; tramitarán as súas reclamacións; interpoñerán no seu nome denuncias e queixas; redactarán as súas solicitudes de arbitraxe e, ademais, poderá participar nos programas gratuítos de formación e educación do consumidor organizados por Ucgal e recibir no seu correo electrónico os resultados dos seus estudos e informes.

Tamén recibirá un lote de produtos Ecoembes e unha camiseta da familia Benfeito, a banda deseñada da Ucgal.

O nome do gañador farase público o 28 de xuño nas contas de Twitter, Facebook e Instagram da asociación de consumidores.

As bases do Concurso de Fíos #HistoriasRecicladas e toda a información relativa ao mesmo pode consultarse na páxina web da Unión de Consumidores de Galicia.

Ucgal e Ecoembes lanzan un concurso de fíos para fomentar a...
Comentarios