Blog |

A disputa da realidade

Cando me falan da realidade sempre teño unha disputa. Como cando me falan de política. Das dúas cousas entrefrebadas vai Years and Years, unha serie que comeza no presente e remata no futuro. Unha demostración de como a política pesa na vida cotiá da xente. Unha serie que conta a historia dunha familia en malos tempos. Unha serie política.

CANDO ME falan de realidade sempre teño unha disputa. Porque a realidade só existe na realidade. Cando sae de si mesma, a realidade é outra cousa e estamos entrampados nesa persecución permanente: sería estupendo contar a realidade, pero sempre quedamos curtos. O espello non é tan grande, as palabras non son tan polisémicas. A cabeza non dá para tanto. A realidade permite que, mentres nunha canle de televisión repiten unha e outra vez todos os argumentos previos á investidura dun presidente do goberno, noutra canle estean poñendo The Wild Bunch (Grupo Salvaxe) e o espectador poida pensar que hai máis realidade na película de Peckinpah que na investidura de Sánchez.


A realidade é iso que se ve no fondo de Years and Years (BBC/HBO) e en moitos dos seus detalles. O estupendo sería dicir que esta serie británica é a combinación de Ken Loach con Black Mirror, a combinación do realismo británico con algo apocalíptico sobre o futuro que garda relación co tecnolóxico. Pero quizais sería só no adxectivo. No sustantivo, Y&Y é moito máis realismo aplicado que distopía. É moito máis unha observación dos sucedidos que unha fantasía sobre o futuro. É verdade que se adianta o calendario e que aparecen aplicadas algunhas posibilidades tecnolóxicas que hoxe son intuídas. Pero o que resulta importante na fantasía é o que ten de verosímil, o que conteña de realidade. A fantasía de Years and Years é moito menos imaxinada que proxectada. Non ten nin sequera a necesidade de ser unha proxección sobre os acontecementos. Algunhas das cousas que aventura están sucedendo baixo outras bandeiras, algunhas desas circunstancias xa sucederon e mesmo forman parte da historia recente do mundo.


O que aventura é un país asaltado por unha crise, por un cambio de goberno irrazoable e polas consecuencias de todas esas decisións que case sempre comezan polo absentismo da cidadanía. A marca da serie non é facer política ficción como en House of Cards nin explicar un futuro inmediato dominado pola tecnoloxía do control. Estas cousas están, pero non son o centro argumental. A intención vai máis alá. Como nas grandes historias do XIX, a serie de Russell T. Davies enfronta dúas liñas que van paralelas: como se move a historia e como afecta á xente normal. Esta é unha historia de xente normal, a historia dunha familia solidaria e autodestrutiva. Unha familia que semella ter boas perspectivas de vida. Hai líos, claro. Que sería dunha familia sen as liortas. Que sería das familias se as fillas lles desen en todo a razón aos pais. A familia absorbe todo o que o estado de dereito deixa abandonado, pero tamén pode ser o centro do mal. Demasiada xente, demasiado xunta, con demasiada confianza.
Pero Y&Y tampouco fala exactamente da familia. Non só.

 A nosa vida cambia en función dos gobernos e das leis que promulgan. Aquela mentira oitenteira ou noventeira de que a política era algo prescindible

Hai unha crenza xeral de que as grandes decisións da política non afectan á vida cotiá. Que os gobernos poden decidir as súas cousas e nós podemos seguir a nosa vida con calma, sen cambios. Esta é a primeira mentira que ataca a serie. A nosa vida cambia en función dos gobernos e das leis que promulgan. Aquela mentira oitenteira ou noventeira de que a política era algo prescindible, un mal menor que resultaba irrelevante para o que si é importante na vida: a familia e todo iso. A mentira tivo moito éxito, como ben se pode apreciar no presente de cada día. Years & Years é unha serie política, pero non tanto por esa certa banalidade de que o persoal é político, como porque reforza a idea de que non hai nada que escape da política. Esquecer que todo é política, que a política non pode quedar nas mans dos políticos nin dos economistas, é unha invitación a que nos liquiden.


Y&Y explica como a frivolidade política da cidadanía acaba coa sociedade que esa cidadanía parece querer. Na serie ten unha forma política recoñecible, nin sequera de matiz. O debuxo das decisións políticas quizais sexa algo groso, pero o asunto aquí é ver como esas decisións afectan á xente e nese sentido a serie é a demostración de como se desmonta unha clase social, como se reducen ao medo todas as posibilidades de relación entre a cidadanía e o goberno que lle toque. Aínda que sexa legalmente elixido.


Non sei canto de progre é no Reino Unido a familia que retrata. Hai que supoñer que está cerca dunha familia media: tivo un pasado mellor, hai membros da familia que viven acomodadamente ben, hai quen vive regular. Xúntanse cada ano e repasan a vida. Teñen desgrazas porque as familias felices non teñen historia. Pero a serie avanza no tempo e deixa no pasado os espectadores. Comeza a crise e a familia, como a sociedade, comeza a deixarse tentar por esas ideas que aparentemente queren poñer solución a todo e que na práctica só pretenden facer desaparecer a sociedade. A familia recibe os golpes dun país que vai caendo e todo o que parecía seguridade vólvese imposibilidade. Xusto na narración desa familia rodeada pola crise é onde a serie é mellor. A explicación preséntase como futurista, pero é intensamente actual. O desmonte dunha sociedade é coñecido e a serie non innova, a virtude está en insistir en que ese proceso de desmonte social que moitos dan como natural é un sistema organizado, é unha revolución reaccionaria que só se completa cando exerce o poder  sen contrapesos. A virtude da serie é explicar a auténtica natureza dese asunto: o Reino Unido baixo un goberno ¿populista? O adxectivo queda curto segundo a serie. A virtude da serie é saber que para falar do futuro non hai nada como explicar correctamente o presente.