Blog |

A ala oeste de San Caetano

Osama Bin Laden e mais eu, cando moi nenos, viamos as mesmas series de televisión. Bonanza e Furia. Había ranchos e cabalos nas dúas. Aventuras familiares nun país que non era nin o del nin o meu

Bonanza
photo_camera Bonanza

BIN LADEN ERA FILLO DE construtor coma min. As series que miraba cando neno non as explicou nun vídeo sobre os seus plans para o mundo. Explicounas Lawrence Wright nun premiado libro, The looming tower (A torre elevada), que describe con todo tipo de detalles como naceu, se conformou e operou Al Qaeda. Cóntao no libro pero non na serie producida baixo o mesmo título. Na relación entre o texto e a televisión prodúcese un curioso efecto que se está volvendo referencia grazas a esas series encargadas para plataformas como Netflix, HBO ou Amazon Prime Video. The looming tower como libro é unha investigación xornalística cunha extensa cantidade de detalles sobre unha historia que, a pesar de ser contada moitas veces, tampouco se parece nada á realidade oficial. A historia de como a rivalidade entre axencias de seguridade dos Estados Unidos impediron evitar o derrubamento das Torres Xemelgas.

Pero The looming tower como serie de televisión non é exactamente o mesmo: toma a realidade documental do libro para utilizala como fondo e aplícalle unha lixeira capa de verniz ficcional. Respecta o fondo argumental e utiliza a ferramenta da ficción para cubrir ocos. Pásalle á serie que os feitos reais poden con ela, que os detalles que proceden desa fantasía recreada da realidade son abducidos pola verdade grande que contan, ata o punto de que os espectadores dan por feito que todo é realidade. Pasa, como sucede tantas veces, que a delgada liña que servía para discriminar os feitos que procedían da realidade dos que eran imaxinados está desaparecida no combate das necesidades narrativas. O argumento é real, os detalles son ficción. Pero había por aí un axioma que dicía que son os detalles os que prestan verosemellanza a unha historia.

Ese procedemento non é único. De feito está sendo utilizado como un dos grandes recursos á hora de encontrar historias de calidade. Fariña ten ese mesmo modelo. Partir da recompilación das historias sobre o narco en Galicia para que o argumento xeral da biografía dun colectivo estea contada aínda que a fantasía realista domine nos detalles da recreación na versión televisiva. Hai máis casos: algúns deles mesmo tocándose cos límites do morbo.

A meu pai gustáballe Bonanza, que era unha historia dunha familia sen nai que tiña un rancho en Nevada —polo mesmo sitio no que tería a súa casa Michele Corleone—. Eran tres irmaos -como nós eramos- e cada un deles tiña un carácter tan singular que case non parecían da familia. A meu pai gustáballe encontrar parecidos entre aqueles tres fillos da serie e os seus tres fillos. El explicaba as semellanzas nas comidas porque ao mesmo tempo que nos explicaba, estaba dicíndonos como tiñamos que ser para o porvir —que palabra—. A gran diferenza desta identificación televisiva é que na serie todo acababa ben e na miña familia todo acabou mal.

Meu pai non era exquisito e non facía distingos entre a verdade do cine e a da televisión

 

Bonanza gustáballe a meu pai. Quizais por esa identificación familiar e porque o pai desa serie era viúvo e meu pai estaba infelizmente casado. Nunca o falamos. Meu pai non era exquisito e non facía distingos entre a verdade do cine e a da televisión. El pensaba que as historias sempre querían dicir algo, que sempre había algo de verdade aproveitable, así fora nun rancho xunto ao lago Tahoe ou no Vietnam no que Kurtz repentizaba co seu horror final exculpatorio.

Agora hai unha relación coa realidade ben diferente á de daquela. Na televisión daquela altura todo parecía aceptable. Pero agora, o público parece máis inclinado a acreditar nas series cando estas conteñen unha verdade convencionalmente aceptada. Poñamos por caso ‘Narcos’ e esta mesma idea de que os espectadores entendan todo como feito sucedido. É unha curiosa relación coa realidade saber que a realidade non existe totalmente. É unha curiosa relación pensar que para que unha realidade interese teña que contar o xusto de ficción para que ninguén se desenganche. É curioso que prefiramos a realidade, que prefiramos crer nela. Porque crer é un verbo que non conxuga ben coa realidade.

Se aceptamos esa idea de que a realidade aumentada de ficción é máis eficaz, é máis útil para que reparemos na verdade, que a ficción é a continuación da realidade por outros medios, teriamos que poñernos en Galicia con esa disposición e pensar seriamente se en lugar de quedar pendentes da gran novela galega non sería máis práctico en termos de sociedade poñernos coa financiación da gran serie galega. Que eu penso que non. Non debería ir de narcos que consideran o tabaco un asunto de vellos e tampouco tería que ser necesariamente sobre esa guerra civil que no país foi unha represión constante e sen respiro. Hai historias aí, claro.

Poderiamos pedir unha serie sobre a Ala oeste de San Caetano e aproveitar esa fantasía para un retrato leal á realidade que vivimos. Aproveitar que o mellor actor galego da historia xa foi presidente en The West Wing (A ala oeste). Non sei se as horas de Martin Sheen son agora máis baixas que hai quince anos, pero creo que poderiamos contratalo se, ademais, o utilizamos como embaixador do Xacobeo.  Unha historia real que lle dea ao país a forma que na realidade non se ve clara. Aínda que sexa sen política, que é un argumento que en Galicia só gusta para as series estranxeiras. Así por resumir: unha serie de país.

A Osama Bin Laden gustáballe Furia, unha serie na que un rapaz orfo era entregado ao propietario dun rancho e alí facía amizade cun cabalo «negro como el azabache». Eu vía esa mesma serie, pero non lembro se me sentía identificado con aquel neno porque eu tiña pai. As series pesan en nós aínda que é evidente que non do mesmo xeito. Bin Laden e mais eu viamos as mesmas series pero non nos deberon influír no mesmo sentido. O seu pai era moito máis rico que o meu. El ten pendente unha serie. A min tampouco me viría mal unha que contase a historia da miña familia con algo de fantasía.

Comentarios