cogomelos, perretxico

Cogomelo que recibe o nome popular de “perretxico” en Euskadi e, de xeito máis xenérico, “Cogomelo de San Xurxo”, aínda que sen denominación particular en Galicia, onde aparece de xeito puntual na natureza e onde se pode mercar baixo distintas fórmulas de comercialización en mercados e tendas especializadas. Está incluído dentro dos cogomelos medicinais polas súas propiedades hipoglucemiantes, actuando como antidiabético.

            Presenta un sombreiro de entre tres e vinte centímetros de diámetro. Con forma hemisférica inicial, despois convexo e, finalmente, aplanado. A tonalidade é variábel, dende un branco cremoso até unha cor máis forte, semellante ao ocre. A marxe é incurvada cara ao interior das lamelas.

            As lamelas son brancas en estadía inicial e máis tarde, cremas, escotadas, estreitas, delgadas e moi apertadas.

            O pé pode chegar aos dez centímetros de alto e presenta unha tonalidade moi semellante ao sombreiro. É robusto, está cheo e apuntado na base.

            A carne é firme e compacta, de cor branca, con cheiro e sabor agradábel, que recordan á fariña.

            Aparece en pradarías, nas zonas de Galicia onde hai solos calizos, como pode ser o caso de zonas próximas a Compostela ou na bisbarra ourensá de Valdeorras. É habitual que forme corros con numerosos exemplares. Onde aparece faino de forma abundante e normalmente durante a primavera e, de xeito máis puntual, no outono.

            É un excelente comestíbel, moi buscado e prezado. Acada prezos superiores aos 60 euros o quilo no inicio da tempada, para despois estabilizarse arredor dos 30. Á marxe dos típicos revoltos, este cogomelo pode acompañar ensaladas, espárragos ou ameixas. É habitual facer con el unha salsa que acompañada as carnes vermellas.

Comentarios