Fichaje estrella

(Foto: I.P)
photo_camera (Foto: I.P)

Diego Bello, campión galego de cociñeiros no 2004, acaba de ser “fichado” polo restaurante Novo, do Hotel Hesperia Finisterre da Coruña, o único 5 estrelas da cidade herculina. Bello, con apenas 30 anos, incorporouse como segundo de abordo ao equipo que dirixe outro xoven e prometedor chef, Tito Fernández.

Especialista na preparación do peixe, da traxectoria de Diego Bello cómpre destacar o seu paso por algúns dos fogóns máis importantes de Galicia, entre os que salientan Casa Pardo e o Playa Club, na Coruña, ou Casa Solla, en Poio.

Afirma que afronta este novo reto con moita ilusión, convencido de poder aportar valor engadido á oferta do establecemento. Amósase, ademais, convencido de que é posible facer carreira en Galicia, sen necesidade de ter que emigrar a outras latitudes.

O restaurante Novo do Hesperia Finisterre ofrece, ademais da carta, menús temáticos segundo tempada. Conta con 4 reservados e con 3 grandes salóns para banquetes.

Jazz en Mondariz
A gastronomía tivo un protagonismo destacado na cuarta edición do Jazz Thermal Festival, celebrado no Balneario de Mondariz.

Un espectacular menú, deseñado polo chef Henrique Prada, serviu de colofón para este certame que combina música, termalismo e boa cociña.

A proposta deste cociñeiros para a cea de gala que pechou o festival foi a seguinte: Como aperitivos, capuchino de sopa de peixe ao augardente de herbas, albondiguiña de caza á pementa rosa e espeto de bacallau fresco con panceta.

De entrante, escalope de foie-gras, escama de sal mariña e lentellas estufadas con verduras. A continuación, e logo dun sorbete de lima e kiwi, o prato principal: Unha pescada rechea de marisco sobre ensaladas de mar e sopa de arroz vexetal. Como sobremesa, un mousse de tetilla, granada, noces e crema líquida de marmelo aireada.

Con iniciativas como este certame de jazz, o Balneario de Mondariz –que dirixe Carlos García-Conde del Castillo– pretende recuperar a programación de actividades que tiña a comezos do século XX, e que situaba daquela a esta vila termal como un dos epicentros culturais mesmo de toda España.

Lotina, mister e chef
O entrenador do Depor, Miguel Angel Lotina, comparte a súa paixón polo fútbol coa afección á cociña. Así o demostrou coa degustación que ofreceu aos xornalistas que seguen habitualmente ao equipo coruñés, a base da súa especialidade: a tortilla de patacas.

A experiencia foi un éxito, segundo contan as crónicas, e os plumillas deportivos quedaron encantados co bo facer do técnico vasco.

Lotina dixo que o único segredo para acertar coa tortilla e dispor de bos ingredientes, e que en Galicia hai tanto ovos como patacas de calidade. Engadiu que elabora este prato a lume manso e desvelou un truco para que esta tradicional preparación non quede demasiado seca: botarlle un pouco leite.

Mar de Couso
En medio da marexada da crise, non son moitas as novas positivas no ámbito empresarial. Sen embargo, cómpre destacar que unha compañía galega de alimentación, como é a conserveira Mar de Couso, de Aguiño, está de noraboa. Pechou o ano 2008 cun crecemento do 20% con respecto ao exercicio anterior.

Ademais, facturou 10 millóns de euros e investiu máis de medio millón en Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+I), para continuar a diversificación da súa liña de conservas delicatessen e pratos cociñados de calidade.

Como novidade, acaba de sacar ao mercado un surtido de pasteis conxelados, elaborados con produtos do mar. Este produto súmase a outros da marca, caso das ameixas en concha das Rías Galegas á mariñeira, as agullas, ourizos, xoubas, zamburiñas e outros que vende, tamén, en paquetes para regalo, cuns prezos que rondan os 30 euros.

Mar de Couso está presente en grandes superficies comerciais, e ademais de en Galicia vende no resto de España e en diferentes puntos de Europa. Gran Bretaña, Francia, Italia, Alemaña ou Suiza son só algúns deles.

Comentarios