Opinión

Fillos dos tempos vivimos

Pode a publicidade ser unha substituta da realidade? Esta é unha das cuestións que Alberte Santos sitúa na súa novela A muller de lona, editada por Laiovento, na exploración da relación dun home coa súa contorna, nun tempo no que as máquinas mídense coas persoas.
Alberte Santos. TANIA MOREIRA
photo_camera Alberte Santos. TANIA MOREIRA

A segunda novela de Alberte Santos A muller de lona agocha entre a súa andamiaxe literaria unha serie de reflexións que converte en ben interesante a proposta creativa deste escritor, forxado no eido da publicidade, e que xa se estreara na escrita con O rebumbio dos vagalumes no ano 2015. Esa mirada dalguén afastado do ámbito literario, permite atoparse cunha visión moi vencellada ao territorio do real, no que as experiencias laborais propias no mundo actual que tanto define o noso tempo como o da publicidade, isto é propoñer mensaxes que dun xeito directo nos engaiolen, lévanse ao literario para provocar reflexións arredor do tempo que vivimos, e de cómo esa multiplicidade de mensaxes el Pfeijffer personaje establece una incómoda pero inevitable comparación entre turismo y migración -tantas veces abafantes- xunto coa proliferación de tecnoloxías que cada vez máis substitúen á persoa e unha maior superficialidade nas nosas relacións, son quen de xerar un ecosistema que, nas súas últimas consecuencias, vai en contra de nós mesmos.


"Somos fillos do tempo que vivimos", escribe Hipólito, o protagonista da novela, nunha das cartas que se recollen no interior desta novela que resposta perfectamente a esa reflexión de Hipólito, o derradeiro empregado dun aparcadoiro de superficie cuxo posto de traballo vaise a ver substituído por unha máquina. Unhas horas finais no seu posto laboral nas que comparte a presenza na fachada duns grandes almacéns dunha modelo que se vai converter nunha absorbente compañía que rivalizará mesmo coas súas relacións coas mulleres. Será dende este argumento dende onde Alberte Santos xerará un apaixoante ronsel de reflexións sobre ese tempo que vivimos, no que cada vez nos atopamos máis indefensos de nós mesmos, converténdoo nun tempo de resistencia. e no que Hipólito é observado polo seu creador como un insecto cada vez máis afastado do mundo que o rodea, nun proceso case que kafkiano no que a súa soidade imponse ao caudal de relacións humanas que dende o laboral, o amoroso ou o devir do cotiá, van deixando sen osíxeno ao seu protagonista.

É "o poder dos feitos" do que falara Walter Benjamin no seu libro 'Calle de dirección única' e que Alberte Santos coloca entre as frases que dan paso á novela.


Esa perda do contacto físico, ese proceso de deshumanización acelérase ao mesmo tempo que Hipólito ten que tomar a decisión de subtituír o seu traballo cara ao público por un posto nunha oficina mentres establece toda unha serie de diálogos con esa muller de  lona cuxos ollos se pousan no seu quefacer diario e que enchen de dúbidas a relación que mantén con dúas mulleres. Esa decisión laboral ten un tempo fixado, unha resposta que ten que chegar nunha conta atrás que incrementa a tensión da narración ao ser quen de transmitir con ese paso dos días ao lector esa impaciencia do que se sabe ten un punto final fronte ao que cada decisión, cada feito, terá as súas consecuencias. É "o poder dos feitos" do que falara Walter Benjamin no seu libro Calle de dirección única e que Alberte Santos coloca entre as frases que dan paso á novela. Un preámbulo que, xunto coas palabras de Fernando Pessoa e Patrick Modiano, apunta claramente a ese contexto urbano da novela, a construción das nosas sociedades como espazos de vidas que se mergullan unhas nas outras, de enguedellos existenciais que definen as nosas estructuras vitais e que comezan a verse gravemente afectadas pola presencia de novas tecnoloxías que reclaman o seu frío protagonismo fronte a ese factor humano que converte todo en imprevisible, nunha sorpresa que racha o cotiá, facendo do mecánico un elemento perverso contra todo proceso de relación humana.

Camiña así Alberte Santos na súa proposta literaria tan relacionada coa súa experiencia no mundo da comunicación de xeito firme, experimentando formulacións narrativas sorprendentes para quen aínda escribiu pouco e podería apostar por sendeiros máis sinxelos pero que, á vista do feito acada todo o seu sentido e forma parte de toda esa serie de inquedanzas en canto ao que se conta e que se converte en palabras como as que o propio Hipólito escribe nunhas cartas que serven de válvula de escape cando todo semella a piques de estoupar.

Comentarios