Gastronomía, cine y música para un verano por los paisajes del Douro

''O Douro é un diamante en bruto''. A esta afirmación do presidente de turismo de Porto e Norte de Portugal, Melchior Moreira, parece que lle queda pouca vixencia porque dende o país veciño decidiron comezar a pulilo. Este departamento presentou as súas próximas iniciativas para atraer visitantes á zona, entre as que destacan un Festival de Gastronomía Indoor, outro de cine e un concerto de fados. Por suposto, os recursos naturais e paisaxísticos cos que conta esta rexión son outro bo motivo para achegarse ao Douro.

O I Festival de Gastronomía do Douro Indoor, que se celebrará durante tres fins de semana entre xuño e xullo (16-20 de xuño; 24-27 de xuño; e 1-4 de xullo) contará coa participación de vinte e nove restaurantes e de oito concellos diferentes da rexión do Douro. Nel inclúense demostracións e catas de cócteles realizados con Viño do Porto, Espumante e Moscatel de Favaios, a cargo de barmans profesionais. Tamén haberá 'show cookings' con chefs internacionais de restaurantes Estrelas Michelin.

O evento coincidirá co Festival da Bola de Lamego durante a primeira fin de semana e coa proba automobilística de Vila-Real, ademais dun Festival de Música en Peso da Régua. O presidente de turismo do Douro, Antonio Martinho, sinalou que esta festa gastronómica ''quere afirmar a excelencia'' dos produtos do Douro xa que ''divulga e recupera a cociña e as receitas típicas dun patrimonio tan rico''.

Cine e música
A zona do Douro, unha das 77 marabillas da natureza do mundo, celebrará tamén en próximas datas outras actividades para dinamizar a e atraer visitantes á zona. Entre o 7 e o 11 de setembro o Douro Films Harvest vivirá a súa segunda edición cun atractivo cartel no que destaca a presenza do músico e compositor arxentino Gustavo Santaolalla, premiado na última edición dos Oscar.

Todo este programa previsto para o verán pretende impulsarse dende a oficina coa que Turismo do Douro conta dende hais poucos meses en Compsotela. Melchior Moreira sinalou que queren aproveitar ''a boa oportunidade do Xacobeo'' para promocionar o turismo no Norte de Portugal. Para Antonio Martinho a presenza en Galicia deste departamento supón unha ''mostra de agradecemento aos galegos polo seu traballo no Douro''. Martinho falou á súa vez de que para eles isto non é unha ''promoción externa'', senón a apertura dun ''mercado de proximidade'', xa que en Galicia ''sentímonos como na casa''.

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, que tamén estaba presente, destacou que se está producindo ''a apertura dunha ventá a Portugal en Galicia, cando Santiago é a ventá do mundo'', para logo recomendar unha visita ao Douro porque ''se cho contan non o cres''.

Por último o Presidente de Cámara de Alijó, Arturo Cascareijo, destacou as capacidades da colaboración entre Galicia e Norte de Portugal, que constitúen ''unha verdadeira eurorrexión'' e avogou por ''potenciar mutuamente as posibilidades'' das dúas zonas.

Comentarios